Comeza a vendima no Ribeiro, con boas expectativas para esta colleita
Comeza a vendima no Ribeiro, con boas expectativas para esta colleita
Adiántase uns dez días respecto ás datas da campaña anterior
Son días de faena intensa nos viñedos do Ribeiro. As condicións atmosféricas empuxaron a adiantar a colleita da uva respecto ás datas en que adoita poñerse en marcha a vendima nos terreos desta denominación de orixe ourensá. O momento en que o froito ten que pasar do campo á bodega, neste caso chegou oito días antes que o ano pasado.
Lorenzo Peleteiro, encargado de campo de bodegas Casal de Armán: "Nós adiantamos a colleita, porque a uva está no seu momento óptimo para vendimar. Dá un grao bo, está moi ben de acidez e, á parte, debido á seca a uva tampouco dá moito máis de si e as cepas xa empezaban a estar moi estresadas".
Para este labor os de Casal de Armán contrataron unha cuadrilla de operarios que vendiman acios nunha acción rutineira que semella automática.
Lucas Israel Omán Cauán, encargado da cuadrilla de vendimadores: "Por quilos. Cantos máis quilos, mellor. A recollida de cada día depende de se hai moita uva, as horas, como estea a leira. Se hai boa uva, uns 17.000-18.000 quilos. Depende das condicións da produción".
Javier González Vázquez, responsable de enoloxía de bodegas Casal de Armán fala do cambio para conseguir persoal: "O ano pasado demos de alta só para a vendima 45 persoas. Este ano tivemos bastante sorte, que encontramos unha empresa de servizos que nos pón a xente para cortar a uva. Nos dicímoslle os quilos que queremos ao día."
A gran maioría da uva na denominación de orixe Ribeiro, o 90 %, é branca e a variedade predominante é a treixadura, aínda que esta plantación en concreto sexa de albariño, para mesturar.