En Ourense a gobernabilidade no concello segue no aire unha semana despois
En Ourense a gobernabilidade no concello segue no aire unha semana despois
Hoxe houbo reunión entre socialistas e nacionalistas a nivel galego
PSdeG e BNG non fixaron posturas arredor de Ourense
O PP en Ourense segue aberto ao diálogo con ambos partidos
En Ourense hai múltiples escenarios de goberno no Concello, entre eles que goberne en minoría a forza máis votada, que sería Jácome; outra posibilidade un pacto a tres onde a segunda forza máis votada, o PP, precisaría do apoio de socialistas e nacionalistas. O candidato local do PSOE remítese á dirección galega.
Lage Tuñas, o secretario de organización do PSdeG, asegurou que "as conversas están comezando e non vamos adiantar acontecementos".
Tampouco o concretan os nacionalistas, que quedaron como cuarta forza política en Ourense.
Carme da Silva, responsable política municipal do BNG asegurou que "aínda non sabemos a decisión do PP". Á pregunta dunha xornalista que insistiu en que o PP xa dixera que precisaba o apoio das outras formacións, Carme da Silva insistiu: "O PP ten que aclararse"
Polo momento priorizan outros pactos a nivel galego para conseguir, din, o maior número de alcaldías de esquerdas. Mentres, o PP continúa aberto ao diálogo.
Manuel Cabezas, o candidato do PP a alcaldía de Ourense, asegurou: "Eu pregúntome se tan difícil é sentar a falar, cando se dixo isto durante a campaña danse circunstancias extraordinarias que necesitan soluciones extraordinarias".
O candidato popular en Ourense non desbota a posibilidade de volver a concertar esa reunión a tres que a semana pasada non chegou a prosperar. Fai un chamamento á cordura e a ser consecuentes, dixo, coa mensaxe que socialistas e nacionalistas tamén ofreceron en campaña, que pasaba porque Jácome non seguise á fronte do Concello de Ourense.