Piden que o Concello do Porto do Son acondicione o camiño do Mariño
Piden que o Concello do Porto do Son acondicione o camiño do Mariño
Os veciños da Silva din que o alcalde se comprometeu a preparar a vía hai cinco anos, ao asumir as dificultades para a mobilidade en coche pola aldea
O tránsito en coche pola Silva é complicado, debido á estreiteza do camiño que atravesa este lugar do concello de Porto do Son.
A situación é especialmente difícil para quen vive na parte de enriba, e ante o problema xuntáronse para pedirlle ao alcalde que acondicionaseestoutro camiño, o do Mariño, para que os coches puidesen entrar por un e saír por outro.
Asunción Leiceaga Baltar, propietaria dunha casa na aldea da Silva, precisa que "entón (o alcalde) prometeu que ía meter a obra nos presupostos en 2018 e se ía facer ese camiño".
Relata Asunción que ante o incumprimento e a negativa do alcalde a atendelos e tras unha recollida de sinaturas de apoio levaron a queixa á Valedora do Pobo meses atrás, que xa requiriu o Goberno municipal de Porto do Son.
Explica Leiceaga Baltar que a Valedora "está sen resposta por parte da alcaldía aos dous escritos presentados nin explicación ningunha. Xa vai no segundo requirimento. A estas alturas, finais de abril, tería que haber unha resposta xa da alcaldía e non a hai. Di, que non presentou referencia catastral e isto xa me parece indignante porque teñen todos os planos con todas as referencias e o Valedor do Pobo supoño que saberá o que ten que facer".
Na alcaldía de Porto do Son afirman que responderon á Valedora do Pobo sinalando que terán que estudar se o acondicionamento do camiño do Mariño é viable urbanisticamente ou non. E os veciños insisten en que non van parar ata conseguilo.