Enrique López-Veiga, conselleiro de Pesca cando o Prestige: "A solución menos mala foi o afastamento"
Enrique López-Veiga, conselleiro de Pesca cando o Prestige: "A solución menos mala foi o afastamento"
Enrique López-Veiga, conselleiro de Pesca cando o Prestige: "A solución menos mala foi o afastamento"
O que fora conselleiro de Pesca en 2002 sostén que a xestión feita da catástrofe foi "a menos mala que se puido facer"
López-Veiga admite erro político na comunicación do Goberno central e que a tardanza en visitar Galicia de Cascos e Aznar "fixo moito dano"
O exconselleiro considera que "Nunca máis" non lle "achegou nada bo á sociedade"
Enrique López-Veiga, exconselleiro de Pesca no Goberno Fraga cando a catástrofe do Prestige, sostén -vinte anos despois do sinistro- que daquela "se fixo o menos malo que se puido facer". Nunha entrevista nos informativos de fin de semana da Radio Galega, afirmou que "nestes casos non hai solución boa" e que "non a habería hoxe".
Para o tamén exsenador, "o problema é que cando se empeza a dicir "nunca máis", é dicir, que non suceda isto nunca máis, esa é a primeira mentira e a mentira máis grande que se lle di á xente porque o risco cero non existe". O exconselleiro de Pesca en 2002 agoira que "calquera outro día teremos outra marea negra, que será sempre un episodio moi serio e difícil de parar" e segue mantendo que "canto máis lonxe da costa suceda a vertedura, mellor se recolle, menos danos para a costa". López-Veiga opina que "a xente confunde intensidade con extensión" e tira da sentenza da Audiencia Provincial da Coruña para argumentar a súa tese.
"Canto máis lonxe da costa suceda a vertedura, mellor se recolle, menos danos para a costa"
Nunca máis e o Goberno de Aznar
López-Veiga critica a plataforma Nunca máis ao asegurar que "non achegou nada bo á sociedade". Con todo, si lle recoñece que "acertaron nunha gran mobilización e aproveitáronse do erro político".
Neste punto o exconselleiro de Pesca no último Goberno de Manuel Fraga admite que "houbo un erro político, de comunicación do Goberno central" e aí apunta ao daquela ministro de Fomento, Francisco Álvarez Cascos, e ao propio presidente do Goberno, José María Aznar. Confesa López-Veiga que nese momento non os criticou porque o PP estaba á fronte das dúas Administracións, a central e a autonómica. Segundo López-Veiga, "daquela non podía dicir nada, estabamos no Goberno e non era positivo criticarnos pero, evidentemente, que un ministro de Fomento -o principal responsable- que non veña aquí ata pasado un mes e o presidente do Goberno igual, fixo moitísimo dano e alimentou todo isto".
"Erro político si que o houbo, de comunicación do Goberno central"
O exconselleiro de Pesca tampouco considera preciso baixar aos restos do Prestige, tal e como pediu Nunca máis, porque segundo di "está baleiro" e pregúntase para que facelo cando ademais, engade, "non é barato".