Entidades veciñais de Santiago constitúen unha plataforma para incidir nos servizos públicos
Entidades veciñais de Santiago constitúen unha plataforma para incidir nos servizos públicos
A súa prioridade é a mellora do transporte urbano cun parque de buses moi envellecido
Piden información sobre a nova licitación do servizo e queren ter voz no deseño do plan de rutas
A concesión do Servizo Municipal de Transporte de Compostela estaba pendente de renovación xa na anterior lexislatura, pero o concurso de licitación aínda acaba de publicarse a mediados deste mes de abril. Tantos anos de demora repercuten na calidade do servizo. Os usuarios quéixanse de que fallan acotío as plataformas de acceso, a apertura das portas ou o aire acondicionado.
A situación dalgúns vehículos era tan crítica que o Concello renovou parcialmente a frota cun plan de alugueiro provisional de autobuses novos para algunhas rutas. As entidades veciñais piden que se xeneralicen estas melloras en todas as liñas e se coordine o servizo en conxunto primando as necesidades dos usuarios, "porque o alcalde e os concelleiros non andan no autobús", di Jesús Santos, presidente da Asociación Conxo Aberto e Voceiro da Plataforma que están constituíndo 22 organizacións de veciños da zona urbana e rural do municipio.
Para lograr que teñan máis en conta a súa opinión, 22 entidades veciñais van actuar de maneira conxunta diante do Concello. Queren participar desde o principio nos plans de mobilidade e, antes ca nada, piden máis información sobre as condicións da licitación que se acaba de facer para renovar o servizo de transporte.