Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xulián Barrio: "Se o Camiño de Santiago perdese esa dimensión espiritual, banalizaríase"

Xulián Barrio: "Se o Camiño de Santiago perdese esa dimensión espiritual, banalizaríase"

O arcebispo compostelán deixará o cargo o vindeiro xuño, tras case tres décadas á fronte da arquidiocese que define co verbo "escoitar" 

"Creo que un arcebispo non se xubila nunca", conclúe

G24.gal 12/04/2023 10:23

Hai remuda no arcebispado de Santiago despois de case tres décadas, Francisco José Prieto, ata o de agora bispo auxiliar, sucederá a Xulián Barrio. Os dous arcebispos, entrante e saínte, xa escenificaron este traspaso, que, con todo, non se fará efectivo ata o vindeiro tres de xuño.

Monseñor Barrio, nunha entrevista no programa Bos días da TVG, repasou os 27 anos que estivo á fronte da arquidiocese compostelá, que definiu como "sinxela, pero loxicamente a situación en que nos atopamos hoxe á hora de dar resposta á esa necesidade de evanxelización que estamos notando, é tamén complexa".

"Creo que no mundo non hai outra diocese que teña esta dimensión exterior"

Unha arquidiocese en que o fenómeno das peregrinacións define boa parte do que é. "Creo que no mundo non hai outra que teña esta dimensión exterior, de xeito que o arcebispo non só ten que preocuparse do que é en si toda a dinámica pastoral dentro da arquidiocese, senón tamén ten que atender esta cantidade inxente de peregrinos que nos chegan e que precisan ser atendidos e acompañados, e que precisan tamén unha palabra de alento e esperanza".

"Isto é como un IVE engadido ás preocupacións lóxicas que ten que ter un arcebispo dunha arquidiocese coma esta", conclúe Xulián Barrio para definir a dimensión que lles dan ás peregrinacións. 

"Desde o primeiro momento eu tratei de escoitar"

"Quero aproveitar, unha vez máis, para agradecer a todos os diocesanos esa comprensión que tiveron comigo, esa colaboración e loxicamente acompañarme, porque eu sentinme moi acompañado", di o arcebispo cando bota a vista atrás e revisa o que foron todos estes anos en Compostela. 

"Desde o primeiro momento eu tratei de escoitar", di Xulián Barrio para definir a súa actuación á fronte da arquidiocese de Santiago. "Realmente paréceme que hoxe é importante escoitar para tratar de dar respostas ás preguntas que a xente nos fai, porque eu ás veces pensaba que estabamos dando respostas a preguntas que ninguén nos fai e despois dicimos que a xente non nos segue, non nos oe, non nos acompaña. E claro hai que escoitar".

Esa escoita activa tamén a dirixe ás autoridades, "a todas aquelas persoas que rexen institucións que son moi significativas, porque dunha cousa estou convencido desde o primeiro momento, buscar o ben da arquidiocese de Santiago é buscar tamén o ben para Galicia, porque é unha preocupación que temos que ter: unir forzas á hora de conseguir aquelas realidades que fagan que a nosa xente se atope a gusto e con esa orientación que debe ter".

"Se o Camiño algunha vez perde esa dimensión converteríase nunha realidade inerte"

En canto á dimensión xacobea do Camiño e ás peregrinacións, recoñece que sempre lle preocupou que puidesen levarse por diante a espiritual. "Son consciente de que se o Camiño de Santiago perdese esa dimensión espiritual, banalizaríase. Se o Camiño algunha vez perde esa dimensión converteríase nunha realidade inerte, que certamente non lle interesaría a ninguén", afirmou o aínda arcebispo compostelán.

Con todo, cre monseñor Barrio que durante este tempo os anos xubilares e as celebracións xacobeas souberon ir da man, "e así debe seguir sendo. Unir forzas neste sentido é dalgunha maneira tratar de axudar, de atoparse co peregrino, tratar de acompañalo, e isto para min é fundamental".

"O papa estivo moi pendente da evolución do Ano Santo"

O seu mandato á fronte da aquidiocese finalizou practicamente ao mesmo tempo que se celebrou o Ano Santo, que nesta ocasión foi dobre por decisión do papa Francisco. "Hai que agradecerlle a intuición que tivo porque certamente eu pedíralle que prorrogase o ano santo ata xullo de 2022, pero o papa foi moito máis xeneroso, e intuíu a situación en que estabamos e que tantos e tantos peregrinos que doutra forma non poderían participar na celebración do Ano Santo".

"Para min foi unha gran satisfacción e creo que na medida do posible intentamos que este Ano Santo dobre respondese ás expectativas que despois da pandemia tantas e tantas persoas tiñan", afirma.

Un Ano Santo en que o papa non visitou Compostela, a pesar da invitación que se lle fixo, pero que Xulián Barrio entende que non foi posible. "A verdade é que para min [a visita papal] sería unha gran satisfacción, pero os camiños de Deus son os del e non os nosos. En todo caso, teño que dicir que o papa estivo moi pendente da evolución do Ano Santo. El acompañounos coas súas mensaxes, moi significativas ao comezo e ao final do ano Santo. Quero dicir que o papa non estivo ausente. Desexariamos que estivese presente tamén, pero espero que outro ano será".

Nese repaso a estas case tres décadas como arcebispo, o roubo do Códice Calixtino é un dos máis duros, "pero eu sempre confiei", afirma Barrio. "Porque lendo a que fora a evolución da realidade do Códice, que se salvara dun incendio, das augas dun río..., e eu confiaba en que se salvaría das mans daquel que o subtraera. Foron momentos moi duros, pero eu vivinos con esperanza en que o final sería o desexabamos".

"Non vou esquecer os anos que vivín aquí "

"Creo que un arcebispo non se xubila nunca", di monseñor Barrio antes de finalizar a entrevista. "Cando o papa me pediu que continuase agradecino profundamente pola confianza, e agora comezo unha etapa nova".

E nesa nova etapa asegura que "non vou esquecer os anos que vivín aquí e os meus diocesanos poden estar seguros que a onde vaia eles dalgunha maneira irán comigo, e voulles pedir que me acompañen sobre todo coa oración, e que axuden ao meu sucesor tanto ou máis como me axudaron a min".

E nese camiño que agora ten por diante, quen sabe se o purpurado cardinalicio está no horizonte, pero "non entra nas miñas inquedanzas nin preocupacións. A providencia de Deus é a que é, e iranos dicindo", conclúe Xulián Barrio.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade