Publicador de contidos
Publicador de contidos

Julio López: "A xente encheu en decembro e xaneiro foi un mes moi baixo"

Julio López: "A xente encheu en decembro e xaneiro foi un mes moi baixo"

O presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo explica as subas das últimas semanas polo custo dos biocombustibles e o peche do mercado ruso previsto para dentro de cinco días, pero cre que a situación xa está estabilizada

G24.gal 31/01/2023 11:00

O 2023 comezou cunha tendencia á alza nos prezos dos combustibles. A gasolina encadea xa catro semanas consecutivas de ascensos, coincidindo ademais coa retirada dos 20 céntimos de bonificación por litro para todos os condutores desde o pasado un de xaneiro.

Julio Lópezpresidente da Federación Galega de Estacións de Servizo, explica que este neste mes de xaneiro as vendas foron menores: "O que pasou foi que se trasladaron ao mes de decembro. A xente encheu e así xaneiro foi un mes moi baixo. Pode que dos máis baixos que recordamos".

En canto á suba dos prezos, máis alá da desaparición da bonificación dos 20 céntimos explícao por dous factores. "Un é o custo engadido do biocombustible que se trasladou a partir do 1 de xaneiro. Non foi de golpe porque tiñamos existencias, e foise trasladando progresivamente", explica.

"E logo estaba a incerteza do que pasaría o 5 de febreiro [no que a UE deixa de mercar produtos petrolíferos a Rusia]. E ese efecto -di Julio López- para min se adiantou porque desde hai uns días para aquí está baixando e estámonos achegando ao día 5. E creo que o que ocorreu é que no mercado os analistas adiantan a repercusión do que vai pasar e cando se achega o momento reláxanse un pouco as cousas".

"Estou vendo a cinco días desa data que non hai esa tensión", explica o presidente da Federación Galega de Estacións de Servizo, quen sospeita que as subas das últimas semanas xa descontaron ese efecto que pode ter no mercado o feito de deixar de mercar petróleo a Rusia e que se podería alcanzar certa estabilidade.

Non obstante, a medio prazo di que os prezos poden verse afectados por algo que ocorre noutro punto do planeta: "Estamos preocupados pola China", asegura. "Se a súa economía se recupera mercará máis. Ese país ten un 20 % do consumo de petróleo do mundo e un punto que suba, desestabiliza todo".

En canto ao mercado, di que nestes momentos o problema dos prezos non está tanto no custo do petróleo, senón no seu procesamento. "En España agora mesmo a tensión está sobre o diésel, no produto refinado. Pero, con todo, España ten menos problemas que outros países de Europa porque nese sentido temos máis equilibrio".

E de cara aos próximos meses traslada tranquilidade: "Temos unhas reservas estratéxicas a tope, e non deberíamos estar preocupados a curto prazo. Hai reservas, e o produto está garantido", conclúe.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar