Luís López: "O protagonismo será dos 61 concellos e Vigo non vai ser menos"
Luís López: "O protagonismo será dos 61 concellos e Vigo non vai ser menos"
O novo presidente da Deputación de Pontevedra resta importancia aos desencontros cos rexedores das dúas maiores cidades da provincia e comprométese a atender as "necesidades e demandas" de todos os concellos
Luís López é desde o 6 de xullo o presidente da Deputación de Pontevedra. Asumiu o cargo logo dos resultados das eleccións municipais do 28 de marzo, e tras oito anos de goberno da socialista Carmela Silva o Partido Popular volve liderar a institución provincial pontevedresa.
"Nestes dous meses que levamos de novo goberno, deste novo cambio de aire, ti percibes na rúa esas ganas de cambio que había. O primeiro que demandan pois son cambios no fondo e na forma", asegura Luís López.
O novo presidente da deputación cre que "a xente quere un goberno que sexa para todos os pontevedreses, onde os protagonistas sexan os 950.000 pontevedreses e os 61 concellos. Que o protagonismo non recaia en todos aqueles que só pensan coma un quere".
"Tiñamos firmes esperanzas en acadar a deputación. Era difícil, pero non imposible"
Que o PP puidera alcanzar a presidencia do organismo provincial entraba en poucas quinielas antes das eleccións, pero López di que "no Partido Popular da provincia de Pontevedra tiñamos firmes esperanzas en acadar a deputación. Sabiamos que era difícil, pero non imposible".
E cando o resultado se materializou foi cando saíu o nome de Luís López, presidente provincial do PP. "Abriuse un proceso no partido. Un proceso cos seus tempos en que eu tiven a sorte de que me propuxera un grupo de compañeiros", explica.
"E, nese sentido, a miña intención non é máis que devolverlles esa confianza con traballo e compromiso. Non son unha persoa ambiciosa. Eu estou á disposición do partido, e, neste sentido, benvida. Estou moi ilusionado e é unha honra ser o presidente da Deputación de Pontevedra".
A renuncia de 16 membros da lista de Rodeiro "entra dentro dun marco de normalidade"
Pero para que puidese ser presidente da deputación había un requisito: debía ser concelleiro nalgún dos municipios da provincia. López non o era. Pechaba a lista de Rodeiro de forma simbólica, e 16 membros da lista dos populares nese concello renunciaron para que el puidese ter esa acta.
Sobre ese proceso, Luís López cre que "entra dentro dun marco de normalidade. Hai eleccións, acádanse uns resultados, e logo propóñense as persoas de maior consenso. O requisito imprescindible para ser presidente era ser concelleiro e implicou ese acto de renuncia de 16 compañeiros".
"Por moito que pensen que a deputación non teña presenza en Vigo, non vai ser así"
O inicio do seu mandato comezou coa decisión do Concello de Vigo de extinguir de xeito parcial a concesión dun espazo para que fose sede da Deputación na cidade. A pesar deses atrancos López di que durante o seu mandato "o protagonsimo vai recaer nos 61 concellos, imos ter vías de colaboración con todos, e con Vigo non vai ser menos".
"Si que é certo que o comezo non foi bo, porque desde o momento en que a deputación de Pontevedra ten unha sede na cidade de Vigo, e alí nos comunican un día antes da toma de posesión un desaufizamento exprés. Por moito que pensen que nos fan dano a nós, iso o que fai dano é a todos os vigueses. Por moito que pensen que a Deputación non teña presenza en Vigo, pois non vai ser así", afirma o presidente.
Co Concello de Pontevedra tamén hai desacordos, empezando pola presenza de Ence na ría, ratificada polo Tribunal Supremo. "Hai un procedemento xudicial en que quedou todo perfectamente definido. Loxicamente, respecto ao máximo", limítase a dicir Luís López. "Ence é dunha importancia tremenda para Pontevedra, a súa contorna e Galicia, non só polos postos de traballo directos que crea non só na comarca senón en toda a provincia".
"Só gobernaban para os que pensaban como eles"
López é crítico coa xestión da súa predecesora na Deputación. "A provincia de Pontevedra, 61 concellos. Durante oito anos de mandato do bipartito case unha ducia de concellos non foron visitados nunca pola presidenta. Iso demostra ás claras as verdadeiras intencións dese goberno, que só gobernaba para os que pensaban como eles".
Sostén: "A institución debe estar ao servizo de todos os concellos e de todos os pontevedreses e pontevedresas. E o noso sinal de identidade e o compromiso que adquirín de visitar eses 61 concellos para coñecer as súas necesidades e demandas".
E unha desas demandas pasa polo arranxo da N-541, en que na Noiteboa pasada morreron sete persoas ao seu paso por Cerdedo-Cotobade. "Lamentablemente, despois de case un ano séguese sen actuar sobre esa estada", di o presidente da Deputación.
"Aí houbo un pacto de alcaldes, o pacto de Pedre, onde había xente de todas as cores políticas, que debe ser o que debe marcar a pauta, e o que piden é algo de sentido común: o arranxo integral da estrada que presenta un alto índice de sinistralidade e con consecuencias nefastas", conclúe Luís López.