Publicador de contidos
Publicador de contidos

Sordo: "As subas iniciais dos salarios neste momento deberían andar no 4 ou 4,5 %"

Sordo: "As subas iniciais dos salarios neste momento deberían andar no 4 ou 4,5 %"

O secretario xeral de CCOO cre que é "un escándalo" a competencia entre comunidades por rebaixar impostos "aos ricos"

Sordo defende topar prezos de determinados produtos, empezando pola enerxía e os carburantes, que "contaminan o resto da cesta da compra"

G24.gal 23/09/2022 10:31

Unai Sordo, secretario xeral de Comisións Obreiras (CCOO), defende unha suba salarial acorde cos beneficios das empresas, e que progresivamente se recupere nos dous próximos anos o poder adquisitivo perdido polo crecemento da inflación.

O responsable de CCOO, nunha entrevista no programa Bos días, da TVG, avanzou que seguirán as mobilizacións para lograr ese obxectivo. "Creo que vai ser imprescindible. Non para que a CEOE se poña ao outro lado de la mesa, que iso é relativamente sinxelo de facer, senón para que se poña con propostas distintas ás que levaron ao bloqueo da negociación dos convenios colectivos".

Sordo cre que nestes momentos hai moita distancia entre o que son os beneficios empresariais e a retribución dos traballadores: "Estase demostrando que as empresas están repercutindo o incremento dos custos da enerxía e doutros custos como as materias primas aos nos prezos ao consumo para salvagardar as marxes e os beneficios empresariais e faise ao tempo que os salarios aparecen practicamente conxelados, con subas por debaixo do 3 %, mentres que os prezos están subindo un 10,5 %".

"Vai tocar mobilizarse na rúa"

"Isto non pode ser, hai que revertelo", di Unai Sordo. "Ante a actitude da CEOE de negarse a pactar unhas recomendacións para que os convenios colectivos manteñan o poder adquisitivo dos salarios, pois vai tocar mobilizarse na rúa sen ningún tipo de dúbida".

Neste momento, asegura, hai dous escenarios para pactar cos empresarios: "Un, ir negociando convenio a convenio, e nos convenios onde hai máis forza sindical estamos conseguindo importantes subas salariais, pero onde os traballadores están menos organizados a situación é de bloqueo dos convenios; e dous, pódense pactar recomendacións xerais para trasladar ás mesas coa idea de desbloquear as negociacións".

"As subas iniciais deberían andar no 4 ou 4,5 %"

Sordo pon cifras ao que deberían ser as subas salariais: "Para nós as subas iniciais neste momento deberían andar no 4 ou 4,5 % para este 2022. Pero o máis importante é que deben ir acompañadas do que chamamos cláusulas de revisión salarial, que permitirían nos anos 2023 e 2024 ir recuperando paulatinamente o poder adquisitivo que están perdendo millóns de familias neste momento en España".

"Desta maneira, cando baixe a inflación, que baixará, a mellora dos resultados das empresas non quede só nos empresarios e os accionistas, senón que repercuta en toda a clase traballadora deste país, que falta fai", afirma o secretario xeral de Comisións Obreiras.

"Paréceme un escándalo a competencia por baixar impostos"

Respecto ao debate sobre a rebaixa de impostos impulsado desde comunidades autónomas gobernadas polo Partido Popular, Sordo é contundente: "Paréceme un escándalo a competencia por baixar impostos en que entraron algunhas comunidades autónomas. É un escándalo cando hai xente que non chega a fin de mes e precisamos de políticas de protección social. É un escándalo cando hai que reforzar os servizos públicos que se demostraron imprescindibles, por exemplo na pandemia, e cando teñen serias deficiencias por exemplo na atención primaria, na educación pública, na dependencia..., cando fan falta tantos recursos para isto haxa comunidades como Madrid ou Andalucía que se dedican a competir quen lle baixa máis os impostos aos ricos".

Afirma ademais que isto prexudica moito a imaxe de España no exterior: "É un escándalo e dá unha imaxe de pouca seriedade do país preocupante. Alguén pode pensar que pensará un comisario europeo despois de poñer uns recursos de 750.000 millóns de euros sufragados con débeda común en Europa, sendo España o segundo país que máis recepciona eses fondos europeos?" 

"Cando conseguimos esa solidariedade europea por primeira vez na historia, que nos poñamos a baixarlles os impostos aos riscos, cando xa hai unha presión fiscal que fai que o noso país recade 74.000 millóns menos ao ano que a media europea. É unha sensación tan bananeira que dá vergoña allea fóra de España", di Unai Sordo.

"É necesario que a algúns mercados se lles limiten os prezos"

En canto aos prezos a posible limitación o responsable de CCOO tamén o ten calo: "É necesario que a algúns mercados que teñen serios problemas de competencia, nestes momentos, se lles limiten os prezos".

"Falouse moito de produtos de primeira necesidade, pero quero referirme a dous mercados: un é o dos carburantes e combustibles e outro é o eléctrico. No eléctrico introduciuse a excepción ibérica, e é unha boa medida, pero poden facerse máis cousas. Segundo cálculos de CCOO, se cada fonte de enerxía se retribuíse ao custo real que ten, e mais unha rendibilidade razoable para as empresas, poderían aforrarse da factura arredor de 13.000 millóns de euros. E, por outro lado, desde que comezou a invasión de Ucraína, o excedente polo refino de cada barril de petróleo multiplicou por entre cinco e sete".

"Nun momento de crise de prezos, cando a xente non chega a fin de mes, creo que é perfectamente factible topar os prezos nestes dous mercados, que logo contaminan ao resto da cesta da compra", sinala Unai Sordo.

"A mellor política de redistribución é subir os salarios"

E para axudar ás familias e os cidadáns máis desfavorecidos Sordo ten clara a receita: "Creo que hai un momento moi puntual, que está durando máis do previsto, porque xa hai un ano empezaron a subir de forma intensa os prezos, e isto ten pinta de que vai durar un tempo. O primeiro hai que dicir que a mellor política de redistribución é subir os salarios".

"Non vai haber unha política de subvencións nin de rendas para as persoas que poida substituír o máis prioritario que son os salarios e que os excedentes que teñen as empresas se redistribúan e pasen a través dos soldos á xente traballadora. Esta é unha política prioritaria para CCOO", asegura.

"E en segundo lugar, xunto co tope de prezos en determinados mercados, creo que habería que axudar non só as rendas baixas, senón tamén as rendas medias. Farían falta políticas máis ambiciosas para protexer rendas medias e baixas", cre Unai Sordo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade