Publicador de contidos
Publicador de contidos

Escasean os cogomelos de primavera pola falta de chuvia

Escasean os cogomelos de primavera pola falta de chuvia

A temporada de cogomelos de primavera non acaba de arrincar

Á falta de humidade na terra súmase a elevada oscilación térmica, que complica que saian variedades tan desexadas coma os cantarelos

G24.gal 10/04/2023 14:13

Da man dun experto en micoloxía, imos a un espazo propicio para os cogomelos de primavera: unha ladeira húmida, ao pé dun regato, con abundante micelio no subsolo. Pero só atopamos isto: parasitos que se nutren das árbores.

Alejandro Mínguez, divulgador micolóxico: "Cogomelos que non son comestibles na maioría dos casos. Este é un trametes. Poden ter propiedades medicinais, pero non se consomen porque saben a madeira, son coma un cacho de cortiza, non teñen interese culinario".

E mesmo a eles se lles nota a falta de humidade: "Están máis esmirrados, comprimidos, teñen unha coloración diferente. Poden incluso confundirnos".

Pouca auga

A causa está nas condicións desta primavera: pouca auga e unha grande oscilación térmica, nunhas zonas máis ca noutras, pero aquí, en Celanova, chegou aos 20 graos de diferenza entre o día e a noite.

"Iso tradúcese en que non aparecen os cogomelos habituais da época: cantarelos, marasmius... eses son todos comestibles, pero, ollo, que tamén os hai tóxicos", explica Mínguez.

Para velos, temos que ir á despensa: cogomelos deshidratados que o micólogo conserva de temporadas máis propicias, coma estes cogomelos de Coresma que non saíron en toda a Coresma:

"O ano pasado apareceron grandes cantidades na zona de Cartelle, aínda que non é habitual en Galicia porque prefire chans menos ácidos".

O cantarelo é o que máis se estraña en Galicia, un cogomelo moi saboroso que serve ata para facer biscoitos e do que as cociñas terán que prescindir esta primavera.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade