Publicador de contidos
Publicador de contidos

Esnafran o coche contra unha peixería de Vilalba e foxen da zona

Esnafran o coche contra unha peixería de Vilalba e foxen da zona

As gravacións dos móbiles permitiron identificar o vehículo e as persoas implicadas

G24.gal 23/12/2024 14:08

Un vehículo esnafrouse contra a fachada dunha peixería. Inicialmente o acompañante baixa do coche, pero despois deciden fuxir do lugar a toda velocidade. 

A colisión fixo soar a alarma, que alertou a encargada da peixería, quen nun primeiro momento pensou que se trataba dun roubo.

"Ás 6:20 saltoume un aviso da central de alarmas. Cando cheguei encontreime con toda a lea, un montón de xente diante da porta, a Garda Civil e un montón de danos", relata a encargada da peixería afectada, Vanesa Platero.

A colisión deixou importantes danos na fachada da peixería. Á espera dun arranxo definitivo, conseguiron tapar provisionalmente a entrada para poder sacar adiante con normalidade as numerosas encargas destes días de Nadal. Tras o susto inicial, todos celebran que o suceso rematara soamente con danos materiais.

"O coche ía a moita velocidade e, ao xirar, perdeu o control do vehículo, que se foi contra a fachada da peixería. Hai que cambiar toda a porta, arranxar a fachada, un mostrador tamén está danado. A xente estaba asustada porque puido levar moita xente por diante", conta Vanesa Platero.

Era un día de celebracións na vila e o suceso aconteceu xunto na zona dos locais de ocio, polo que foron moitas as testemuñas que presenciaron os feitos. Cos datos e as imaxes achegadas, os axentes localizaron o condutor e o vehículo, que fora escondido nun garaxe e movido despois ata un concello lindeiro, onde foi localizado. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade