España é o país europeo con máis persoas afectadas pola varíola do mono
España é o país europeo con máis persoas afectadas pola varíola do mono
A Organización Mundial da Saúde insiste na necesidade de illar os casos positivos
O laboratorio do Instituto Carlos III de Madrid continúa recibindo mostras de máis pacientes sospeitosos de estar afectados polo virus. A última procede de Aragón. Trátase dun home con síntomas leves.
"É un caso sospeitoso porque cumpre tanto criterios clínicos, ao presentar síntomas leves da infección, como criterios epidemiolóxicos, porque estivo directamente relacionado cun caso confirmado", asegura Sirá Repollés, conselleira de Sanidade de Aragón.
Oito comunidades, entre elas Galicia, investigan xa os primeiros casos sospeitosos pero os positivos concéntranse en Madrid.
"30 positivos e 40 sospeitas son os datos que temos a día de hoxe. Agora é importante encontrar a rastrexabilidade de todos os casos, conseguir os illamentos e intentar frear os contaxios", explica Enrique Ruíz Escudero, conselleiro de Sanidade de Madrid.
España, con 30 persoas infectadas e máis de 50 en estudo, é o país europeo máis afectado seguido de Portugal e o Reino Unido. Ata agora hai confirmados máis de 90 casos nunha ducia de países.
A Organización Mundial da Saúde advirte que aparecerán máis contaxios a medida que se estenda a vixilancia. Insiste, ademais, na necesidade de illar os positivos.
Nestes momentos, a axencia das Nacións Unidas traballa en directivas para protexer o persoal sanitario que poidan estar máis exposto.