España enviará a Ucraína mísiles antiaéreos de longo alcance Patriot
España enviará a Ucraína mísiles antiaéreos de longo alcance Patriot
A axuda española inclúe munición de varios tipos, medicinas e kits individuais de primeiros auxilios
Os EUA, Reino Unido, Alemaña e República Checa tamén entregarán mísiles e armamento
España enviará a Ucraína un conxunto de mísiles interceptores antiaéreos Patriot de longo alcance que chegarán ao seu destino dentro de catro días, ademais de munición de varios tipos, medicinas hospitalarias e kits individuais de primeiros auxilios en combate. Así o comunicou a ministra de Defensa, Margarita Robles, durante unha nova reunión ministerial do Grupo de Contacto para a Defensa de Ucraína, na que participou, por videoconferencia, xunto a outros 24 países socios.
Robles tamén sinalou que a preparación de novos carros de combate Leopard para a súa transferencia a Ucraína "avanza segundo o planeado", polo que as primeiras unidades estarán listas antes de que acabe xuño. Detívose especialmente na contribución española á defensa área, ao constituír esta "unha preocupación fundamental", e anunciou o envío dos mísiles antiaéreos.
Tamén se referiu ao envío antonte dun conxunto de medicinas hospitalarias e de kits individuais de primeiros auxilios en combate e a outro paquete de axuda, remitido onte, dunha nova remesa de munición de artillería de groso calibre, á que seguirán outros de 155 e 120 mm nos próximos meses.
Na reunión, na que interviñeron autoridades como o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, e o secretario de Defensa de Estados Unidos, Lloyd Austin, a ministra informou sobre o estado das doazóns españolas ao país afectado, segundo informou Defensa nun comunicado.
A axuda prevista para os próximos dous meses inclúe tamén metralladoras lixeiras e pesadas, vehículos loxísticos protexidos sobre rodas, vehículos acoirazados de infantería, armamento contra carro e obuses de artillería de campaña. Tamén se fornecerán diversos sistemas de vixilancia antiaérea e estacións de armas remotas para defensa contra drons, que están a ser preparados actualmente pola industria española de defensa.
Durante a súa intervención, Robles subliñou que o compromiso dos países aliados "non só proporciona os sistemas de defensa que Ucraína necesita", senón que, ademais, supón "unha inxección de moral e de respaldo aos soldados e á poboación civil ucraína que vive baixo a ameaza permanente dos drons e mísiles rusos".
Pola súa banda, o presidente Zelenski agradeceu a axuda proporcionada e asegurou que "esta guerra é unha guerra de todos", polo que é "vital" a axuda para defensa antiaérea e artillería, segundo sinalou Defensa na nota remitida.
O ministro ucraíno deste departamento, Rustem Umerov, puxo en valor o esforzo dos países aliados para proporcionar material e adestramento e referiuse á importante axuda estadounidense, recentemente aprobada, pola que Robles tamén transmitiu a súa felicitación.