Publicador de contidos
Publicador de contidos

España prorroga ata o 26 de decembro a corentena obrigatoria para viaxeiros procedentes do sur de África

España prorroga ata o 26 de decembro a corentena obrigatoria para viaxeiros procedentes do sur de África

O Goberno amplía a nove os países afectados, ao incluír Malawi e Zambia

G24.gal 10/12/2021 12:14

O Goberno prorrogou ata o 26 de decembro a corentena imposta ás persoas procedentes de varios países africanos considerados de alto risco pola variante ómicron do coronavirus.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) publica este venres a orde do Ministerio de Sanidade con esta medida para os voos que cheguen a España, con ou sen escalas, desde calquera aeroporto situado en Botswana, Eswatini, Lesoto, Mozambique, Namibia, Suráfrica e Zimbabue.

Igualmente incluíu ás repúblicas de  Malawi e Zambia entre os países considerados de alto risco tanto pola súa situación epidemiolóxica como pola proximidade cos outros países afectados.

Quedan excluídos os pasaxeiros en tránsito que sexan residentes ou titulares de visados de longa duración de países europeos e estados asociados Schengen, Andorra, Mónaco, Vaticano ou San Marino, que se dirixan a eses países, así como o persoal aeronáutico necesario para levar a cabo as actividades de transporte aéreo.

Os viaxeiros afectados por esta medida deberán gardar corentena durante os dez días seguintes á chegada a España ou durante toda a súa estancia, se esta fose inferior a ese prazo. Este período poderá finalizar antes se ao sétimo día o viaxeiro é sometido a unha proba diagnóstica con resultado negativo.

Durante a corentena deben permanecer no seu domicilio ou aloxamento e limitar os accesos de terceiras persoas.

Tamén teñen que restrinxir os seus desprazamentos aos imprescindibles, como adquirir alimentos, produtos farmacéuticos ou de primeira necesidade, asistencia a centros de saúde ou por causas de forza maior.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade