España retrocede en igualdade e xustiza social en 2023, por María Cadaval
OPINIÓN
España retrocede en igualdade e xustiza social en 2023, por María Cadaval
España experimentou un retroceso en materia de igualdade e xustiza social durante o ano 2023, segundo datos revelados pola Enquisa de Condicións de Vida do Instituto Nacional de Estatística (INE). A pobreza superou os niveis de 2019 e a taxa de poboación en risco de exclusión social (AROPE) situouse no 26,5 %. Esta porcentaxe é cinco décimas superior á de 2022 e tres décimas maior á do período previo á pandemia. Ademais, o 9 % da poboación preguntada atópase nunha situación de carencia material e social grave, marcando a cifra máis alta dende 2014, cando comezou esta serie histórica.
O impacto da inflación foi notable en 2023, a pesar das reducións impositivas e axudas para paliar a suba de prezos. A Enquisa revela que, mesmo con estes esforzos, a porcentaxe de fogares que sufriron privacións dunha lista de 13 necesidades aumentou. O 6,4 % das persoas non puido permitirse unha comida con proteína de orixe animal cada dous días e un de cada cinco fogares non conseguiu manter na súa vivenda unha temperatura axeitada (a pesar do Bono Social Eléctrico).
Estes datos veñen a reforzar a tese de que o aumento dos prezos dos alimentos afectou especialmente ás familias máis vulnerables e á xente mais nova. O 7 % dos menores de 16 anos tivo grandes dificultades para acceder a alimentos básicos diariamente (esta porcentaxe non chegaba ao 2 % no 2004). Cómpre engadir a isto os resultados dun recente estudo de Unicef que coloca a España no posto 36 de 39 na OCDE en canto a pobreza infantil, cunha taxa do 28 % e máis de dous millóns de menores afectados. A falta de acceso a alimentos básicos, roupa e condicións de vida dignas mantense persistente no 20 % dos nenos e nenas durante máis de dous anos consecutivos. O Informe destaca que a pobreza infantil afecta desproporcionadamente a comunidades de inmigrantes, etnias minoritarias e fogares cunha soa persoa adulta, xeralmente a nai. España segue atrasada en comparación con outros países, e as medidas adoptadas ata o de agora revélanse insuficientes.
A pesar de que a renda media por fogar aumentou até acadar un novo máximo de 34.821 euros, este crecemento non foi suficiente para compensar os desequilibrios nos prezos e a constante suba dos tipos de xuro. Un de cada dez fogares experimentou atrasos no pagamento de hipotecas, alugueiros, recibos ou compras a prazos, e un terzo da poboación non puido desfrutar de vacacións polo menos unha semana ao ano debido á falta de recursos económicos.
Aínda que o mercado laboral mostrou, a priori, un bo comportamento, cunha marca de emprego e unha taxa de paro do 11,7 %, o 17 % das persoas ocupadas estiveron en risco de pobreza ou exclusión social. A situación foi aínda máis crítica para as persoas desempregadas, das que mais da metade afrontaron situacións de vulnerabilidade en 2023.
Por comunidades autónomas, Andalucía (30,5 %), Estremadura(27,6 %) e Canarias (26,1 %) rexistraron o maior número de persoas con dificultades para chegar a fin de mes. Galicia sitúase un punto por debaixo da media, no 25,5 %, Asturias no 25 % e País Vasco no 15,5 %. O desemprego revelase como a principal causa de risco de exclusión social, mostrando unha clara disparidade entre o norte e o sur de España.
A situación económica e social do país presenta un chamado urxente á acción para reverter esta tendencia e construír un futuro máis equitativo e próspero para todas as persoas.