Especialistas de España e Portugal comparten os avances en cancro infantil
Especialistas de España e Portugal comparten os avances en cancro infantil
Santiago é a sede do segundo Congreso Ibérico de Hematoloxía e Oncoloxía Pediátrica
Santiago convértese este xoves na sede do segundo Congreso Ibérico de Hematoloxía e Oncoloxía Pediátrica. Destaca a alta cualificación e prestixio dos relatores que comparten en Galicia avances e novas ferramentas para a loita contra o cancro infantil.
Nos anos 70 supervivencia dun cancro infantil era só do 20 % e hoxe supera o 83 %. Isto é posible sobre todo grazas a novas terapias e a coñecementos que hoxe comparten aquí, neste congreso, 320 especialistas de España e de Portugal. O cambio é radical, os avances son vertixinosos, sobre todo nos últimos cinco anos.
"É unha especialidade tremendamente complexa e estamos orgullosos de celebrar aquí en Santiago un congreso desta envergadura. É fundamental para os pacientes pediátricos con patoloxía oncolóxica que fagan este tipo de reunións", asegura Manuel Fernández Sanmartín, responsable do Comité Organizador e da Unidade de Oncoloxía pediátrica do CHUS
Porque aquí póñense en común as experiencias dos casos dificiles, e a pericia dos mellores especialistas das sociedades española e portuguesa para discutir problemas complexos, tanto clínicos como de investigación.
"É un pracer estar en Santiago, universidade centenaria, unha das máis antigas do mundo, e que neste momento ten un palmarés e unha posición cientifica que son envexa doutras universidades", destacou Ana Fermández Teijeiro, presidenta de SEHOP.
Hoxe a conferencia maxistral foi a cargo do doutor Carracedo, xenetista galego de prestixio internacional, encargado de falarlles dos avances en diagnóstico, terapias xénicas e un novo concepto: os farmacotipos.
"Collendo, para cancros infantís, as células do paciente, fan farmacotipos, xa miran cal é o subtipo e o fármaco que lle vai ben, nunha terapia cada vez máis personalizada que en leucemia infantil ten cada vez mellores resultados. Antes morrían e agora cúranse a maioría, é un cambio radical", explicou Ángel Carracedo, director do Centro Nacional de Xenotipado
Un avance meteórico no que Galicia esta a ter un papel relevante.