Moitos establecementos penduraron o cartel de completo na Semana Santa
Moitos establecementos penduraron o cartel de completo na Semana Santa
O bo tempo acompaña e os niveis de ocupación son altos
As navieiras que operan a ruta entre Vigo e as Cíes venderon toda a pasaxe
Tamén se bate a marca de peregrinos que chegan a Compostela por esta datas
Calquera punto da xeografía galega está a ser esta Semana Santa un destino vacacional moi demandado tanto no interior coma na costa.
Nesta época adoita haber moitas reservas de última hora, en función do tempo. O sol e as temperaturas altas acompañan e os niveis de ocupación son altos.
"Temos unha media de ocupación en toda a comunidade que supera o 80 %. Hai destinos coma Sanxenxo que superan o 85 % e en xeral a ocupación vai ser extraordinaria", destaca Dulcinea Aguín, presidenta da Asociación de Vivendas Turísticas de Galicia.
Moitos aproveitaron estes días para facer diferentes rutas e percorrer varias vilas e cidades.
"Nós temos pensado ir agora ás Cíes", dinnos uns turistas.
E non eran os únicos que este sábado tiñan planeado ir ata as Illas Cíes. As ringleiras destes días non cesan. As navieiras que operan a ruta entre Vigo e as Cíes venderon todas as pasaxes deste sábado. O tope total é de 1.800 persoas permitidas nas illas por día.
"Foron máis de 8.500 as persoas que reservaron para poder vir ás Illas Cíes en todo o período da Semana Santa. Tanto o venres coma o sábado encheuse a cota de 1.800 visitantes para ir ás Illas Cíes, co cal habería dispoñibilidade para viaxar ás illas unicamente o domingo", di María Moledo. Coordinadora comercial da Navieira Mar de Ons.
O perfil dos visitantes destes días: turistas de fóra de Galicia e ben informados do que son as Cíes dentro do Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Turismo no interior
E da costa marchamos para o interior, establecementos da zona vella de Santiago de Compostela penduraron o cartel de completo, malia os temores previos pola inflación e a crise.
"Non só no ano santo, nos anos seguintes o efecto xacobeo queda. Hai xente que non quere ir porque está moi masificado, o boca a boca, contan a experiencia e entón seguen sendo moi bos anos. Para a hostalería, que Santiago vive moito dela, é moi bo. A verdade é que contentos: hai moita demanda de cuartos, con moita antelación, e iso é bo.", di Roberto Sousa, do hotel Costa Vella.
A afluencia de visitantes a Santiago non decae, grazas á oferta hostaleira pero tamén á chegada incesante de peregrinos. O número de camiñantes supera xa as cifras do ano pasado por estas datas.
"Xa comezamos con 1.500 o mércores, o xoves fixemos máis de 2.200 e onte tres mil. Son cifras lixeiramente superiores ao ano pasado, que foi moi bo, e temos unhas boas expectativas", destaca César Rúa, da oficina do peregrino en Santiago.
Moitos visitantes veñen por primeira vez a Galicia e tras gozar do noso patrimonio artístico, da paisaxe, da gastronomía e das praias prometen volver.