Detidas dúas persoas por estafan 20.000 euros a un veciño de Guitiriz
Detidas dúas persoas por estafan 20.000 euros a un veciño de Guitiriz
Amais dos detidos hai outras dúas persoas investigadas
Vendían produtos a prezos exorbitados e pedían créditos a nome das vítimas
Os casos de estafa son cada vez máis habituais na nosa comunidade, sobre todo entre a xente maior. A última vítima foi un septuaxenario de Arxá, no concello de Guitiriz. Tras gañar a súa confianza, os presuntos estafadores vendéronlle produtos para o fogar e electrónicos a prezos exorbitados. Por un televisor e un colchón cobráronlle 8.000 euros. Ademais esixían que os pagamentos fosen en efectivo e non lle daban factura.
A Garda Civil recomenda non fiarse. Nestes casos, Pablo López, cabo primeiro do equipo de investigación, recomenda non pagar en man e non comprar cousas que non necesitan polo mero feito de que os vendedores insistan moito; xa que, segundo din, é o método que empregan para desconcertar as vítimas.
Por se fose pouco, os presuntos autores do calote tamén pedían créditos para pagar estes produtos a nome da vítima.
En caso de dúbida Pablo López, cabo primeiro do equipo de investigación da Garda Civil, recomenda preguntar a familiares e veciños antes de mercar calquera produto que nos ofrezan ás portas do noso domicilio. Incluso recomenda acudir aos servizos sociais do concello para asesorarse en caso de dúbida.
Esta última vítima non o fixo e acabaron estafándolle 20.000 euros, que puideron ser moitos máis. A directora da súa entidade bancaria deuse conta do engano cando o seu cliente solicitou un crédito de 15.000 euros. Rapidamente avisou a Garda Civil do posible engano. Os axentes, que se presentaron no lugar, detiveron dous presuntos estafadores que estaban esperando o septuaxenario no exterior do banco.
Un axente de paisano identificou outros dous homes na vivenda da vítima, que accederon a devolverlle 2.000 euros. Foron os únicos cartos que o home puido recuperar de momento. Os presuntos cómplices están sendo investigados. A operación continúa aberta.