Unha axencia de viaxes deixa en terra ducias de migrantes con voos para o Nadal
Unha axencia de viaxes deixa en terra ducias de migrantes con voos para o Nadal
Pagaron as pasaxes pero o establecemento, con sede na Coruña, non emitiu os billetes
Pode haber máis de 250 persoas afectadas, a maioría de América Latina
Hai familias que perderon ata 5.000 euros
Hai afectados por esta presunta estafa que levaban anos sen volver aos seus países, aforrando para pagar os billetes.
"Ti vas xuntando peso a peso, euro a euro, deixándote de comer algo, de poñer algo, para pagar ese billete e abrazar os teus fillos", lamenta Santa, que pagara máis de mil euros para viaxar a Santo Domingo.
Algúns souberon que os seus billetes non se emitiran cando chegaron ao aeroporto, outros chamaron antes ás compañías aéreas ao ter noticias do suposto calote.
"O rapaz buscoume polo meu localizador e díxome que estaba rexistrada cunha prepasaxe pero que o billete non se emitira", explica María, que leva catro anos sen ir ao seu país.
Moitos inmigrantes latinoamericanos residentes en Galicia tiñan a axencia de viaxes agora sinalada como referente.
"Unha persoa na que confías, á que lle compras desde hai vinte anos e que che faga isto. Non só a min, a moitas persoas de diferentes países", subliña Edelmira, que comprara a súa pasaxe hai catro meses.
Na axencia dixéronlles aos afectados que foi un intermediario quen cancelou os billetes pero que todos recuperarán os cartos.
"Que nos van devolver o diñeiro a través dunha aseguradora que teñen eles", puntualiza Jesús.
"Din que se vai pagar, que se vai pagar, pero non sabemos cando", engade María.
Boa parte dos afectados xa presentaron denuncia ante a Policía.
"Cando chego á Policía a denunciar dinme que o meu non é o único caso, que hai máis de 250 persoas", conta Jesús.
"Eu coincidín na Policía con moitas persoas que están afectadas ata con cinco voos", engade Edelmira.