Publicador de contidos
Publicador de contidos

Os gandeiros valoran que o caderno dixital trae máis burocracia e custos ás explotacións

Os gandeiros valoran que o caderno dixital trae máis burocracia e custos ás explotacións

Aseguran que incrementa a fenda dixital nun sector profesional envellecido

G24.gal 14/12/2024 16:02 Última actualización 14/12/2024 16:41

A transformación dixital do sector gandeiro que require que os cadernos de explotación sexan en formato electrónico a partir de 2026 preocupa a boa parte dos agricultores.

Ven complexo o novo sistema de rexistro das granxas e que cren que van ter que depender de empresas privadas que teñen ferramentas dixitais para cumprir coas esixencias da Unión Europea.

O proxecto BCAM 10 de boas condicións agrarias e medioambientais centrado na fertilización sostible, e que é de cumprimento obrigado para recibir as axudas da Política Agraria Común, segue no punto de mira de moitos gandeiros galegos.

Consideran que non se adapta á realidade do país, cunha ordenación do territorio diferente ao resto do Estado e con granxas de vacún que, aseguran, non supoñen risco de contaminación por nitratos porque producen menos xurro do que precisan. 

"Para nós hai unha cousa insensata que é a normativa do xurro. Ningún gandeiro ou case ningún, polo menos o 90 % non chega a ter xurro fertilizante das vacas para cubrir a extensión territorial que temos", asegura Adrián Riádigos, presidente da Asociación Gandeira Elas Eles.

Ademais ven que a obrigatoriedade futura do caderno dixital supón un exceso de burocracia no seu traballo habitual. Aseguran que os custos desta nova ferramenta recaen sobre eles.

"Nós vimos rexidos por unha PAC, un contrato coa Unión Europea que nos obriga a ter todo en regra. Non hai un só gandeiro que teña a PAC que a día de hoxe teña as cousas sen estar en regra porque sería unha penalización: económica e sancionable para o ano seguinte. O que valoramos é que no caderno dixital non hai unha estrutura clave. En teoría estaba para quitarnos traballo e o que estamos vendo é que nos dá traballo e custo porque estamos trasladando esa tarefa a xestorías privadas", asegura Riádigos.

Insisten no problema da fenda dixital nas contornas rurais onde a media de idade dos gandeiros é alta e non están en moitos casos familiarizados coas novas tecnoloxías. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar