Publicador de contidos
Publicador de contidos

Comeza a campaña da gripe con soros que combaten catro cepas do virus

Comeza a campaña da gripe con soros que combaten catro cepas do virus

O grupo de 6 meses a 5 anos é, por primeira vez, poboación diana 

Van administrar unha vacina reforzada específica para persoas vulnerables

G24.gal 09/10/2022 14:28 Última actualización 09/10/2022 20:12

A campaña da gripe comeza oficialmente este luns. A poboación maior que vive en residencias e a convocada para poñer a vacina da covid xa tivo ocasión de recibila estes días. O resto irá poñéndoa de xeito secuencial nas consultas.

Primeiro é a quenda do persoal sociosanitario, do grupo maior de 85 anos e do que vai dos seis meses aos cinco anos.

"A novidade é que se dirixe aos nenos e nenas de entre seis meses e 59 meses. Fundamentalmente faise por dous motivos: porque son un grupo bastante vulnerable á gripe que provoca un aumento de hospitalizacións nesta franxa de poboación, e tamén porque son o principal vector desta enfermidade na contorna familiar e comunitaria".

Despois irase incorporando o resto de poboación maior de 60 anos. Nesta campaña o persoal sanitario administrará dous tipos de vacina contra catro cepas do virus. Unha delas dirixida especificamente ás persoas máis vulnerables.

"A diferenza é que unha está reforzada, contén catro veces máis antíxenos ca a outra. Esta utilízase para aquelas persoas que están institucionalizadas, en centros cerrados, residencias, centro de grandes dependentes, e tamén para aquela poboación xeral que ten 85 anos ou máis". 

O obxectivo é superar a cifra de vacinación do ano pasado, cando o 74 % da poboación de risco acudiu a poñer a súa dose. As previsións para este ano indican que pode adiantarse o andazo, polo que o Sergas fai un chamamento para vacinarse canto antes.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade