Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Sergas lanzará este ano un plan para reducir as consultas por baixas na Atención Primaria

O Sergas lanzará este ano un plan para reducir as consultas por baixas na Atención Primaria

O plan antiburocracia permitirá que os hospitais dean "baixas automáticas" e evitará a enfermos oncolóxicos ou con baixas longas renovar "cada pouco" a IT no centro de saúde 

O conselleiro de Sanidade anuncia no Parlamento un plan organizativo para a atención primaria no rural e confía en ter listo nun ano o Plan de Recursos Humanos do Sergas

 

Comparecencia do conselleiro de Sanidade Antonio Gómez Caamaño no Parlamento para presentar as liñas estratéxicas do seu departamento (EFE/ Xoán Rey) Comparecencia do conselleiro de Sanidade Antonio Gómez Caamaño no Parlamento para presentar as liñas estratéxicas do seu departamento (EFE/ Xoán Rey)
G24.gal 09/07/2024 12:36 Última actualización 09/07/2024 13:22

O Servizo Galego de Saúde (Sergas) lanzará "este mesmo ano" un plan para reducir a burocracia na Atención Primaria, que incidirá especialmente en eliminar as consultas para acceder a unha baixa médica ou para ampliala.

Avanzouno este martes o conselleiro de Sanidade Antonio Gómez Caamaño na que foi a súa primeira comparecencia no Parlamento galego desde que tomou posesión do cargo o pasado mes de marzo.

Gómez Caamaño explicou que na actualidade un médico de familia dedica o 30 por cento do seu tempo de traballo a tarefas administrativas. Para tentar reducir esta carga, o seu departamento deseña un "plan antiburocracia", que este ano estará operativo "nun 40 por cento", e permitirá, entre outras cousas, que os servizos hospitalarios poidan conceder as incapacidades temporais (IT) de maneira "automática", sen que o paciente llas teña que solicitar ao seu médico de cabeceira.

Ademais, evitarase que as persoas que vaian estar de baixa por un tempo prolongado, por causas como fracturas ou enfermidades oncolóxicas, teñan que acudir "cada pouco" a renovala ao seu centro de saúde.

O conselleiro tamén avanzou que o seu departamento traballa nun plan funcional de Atención Primaria para o ámbito rural, con "especial atención" á cronicidade da poboación, co obxectivo de facer fronte ás necesidades de todos os galegos e galegas, independentemente do lugar onde residan.

Na súa primeira comparecencia na cámara a petición propia para expoñer as liñas mestras do seu departamento, Gómez Caamaño anunciou ademais que, no prazo dun ano, estará xa listo o plan de ordenación de recursos humanos do Sergas, que permitirá anciparse, e planificar mellor a atención sanitaria dos galegos e as necesidades de persoal.

O conselleiro avanza que este mesmo mes quedará constituído o grupo de traballo que se encargará de elaborar a primeira proposta que será discutida cos sindicatos na mesa sectorial. O obxectivo, segundo Gómez Caamaño, é consensuar a proposta con todos os actores implicados e situar os profesionais no centro das políticas sanitarias.

O conselleiro asegurou na cámara que o sistema sanitario galego é sólido e que a atención sanitaria de calidade está "garantida" este verán. Avanzou que 350 profesionais se anotaron xa na bolsa de persoal médico voluntario que estará dispoñible durante a época estival para cubrir gardas e horas extra nos centros de saúde e hospitais. A todos eles lles dedicou "palabras de eloxio", xa que demostraron co seu ofrecemento "unha responsabilidade e implicación máxima".

Gómez Caamaño tamén se referiu ao decreto que regulará a repartición de medicamentos a domicilio por parte das farmacias a pacientes que o precisen aprobado pola Xunta e avanzou o deseño dunha lei de prevención de condutas adictivas en menores, que pon o foco no consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas. O obxectivo, segundo o conselleiro de Sanidade, é que o Parlamento a aprobe este mesmo ano.

O conselleiro xustificou os cambios realizados no seu departamento para "transformar e optimizar a sanidade en Galicia". Tivo palabras de recoñecemento para o seu antecesor no cargo, quen realizou, dixo, "un traballo excelente nun escenario complicadísimo" durante  a pandemia. 

Asegurou que usará o diálogo como ferramenta esencial e traballará co obxectivo de "coidar os que nos coidan". Indicou: "Mentres hai persoas que defenden a sanidade situándose detrás dunha pancarta, outros levamos décadas facéndoo coa nosa traxectoria, co respecto dos compañeiros e o cariño dos pacientes".

E puxo sobre a mesa varios retos: deseñar un novo plan de saúde mental, impulsar un centro galego de control de enfermidades que será pioneiro en España e crear unha oficina técnica de resultados en saúde, con indicadores que midan a situación real das listas de agarda, de seguimento dos pacientes e a efectividade dos seus tratamentos para mellorar a "cantidade e a calidade de vida dos nosos pacientes".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade