Publicador de contidos
Publicador de contidos

Este martes empezan os exames da ABAU en Galicia

Este martes empezan os exames da ABAU en Galicia

Hai matriculados case 13.000 estudantes

G24.gal 05/06/2023 20:16 Última actualización 05/06/2023 20:42

Un total de 12.788 estudantes galegos están matriculados para participar entre este martes e este xoves na convocatoria ordinaria da Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade.

A gran maioría dos alumnos matriculados, uns 11.000, farán a parte obrigatoria e a optativa, é dicir, os exames das materias comúns a todo o alumnado e unha da súa modalidade, máis aquelas coñecidas como específicas que cada aspirante escolle en función da carreira universitaria en que quere entrar. Algo menos de 2.000 farán só a optativa.

Para a selectividade deste ano, hai previstas en total 36 comisións delegadas repartidas por toda Galicia. O groso do alumnado irá ás principais cidades universitarias: A Coruña e Vigo acollerán uns 2.800 aspirantes cada unha e en Santiago farán as probas outros 2.400. Tamén haberá centros de exame en facultades situadas en Lugo, Ourense e Pontevedra, entre 1.000 e 1.500 alumnos, aos que se suman outros 800 en Ferrol.

Ademais, hai tres comisións periféricas situadas en institutos para evitar longos desprazamentos ata as urbes de referencia, en Viveiro, Cee e A Rúa.  Xunto a todas elas, hai unha comisión delegada que a Comisión Interuniversitaria de Galicia habilita en colaboración coa ONCE para todos os aspirantes con necesidades especiais de apoio ou que conten con algunha discapacidade. Cada campus conta tamén cunha comisión auxiliar para os alumnos con necesidades especiais de apoio educativo

Recuperación da normalidade

A ABAU 2023 recupera, a grandes liñas, a normalidade previa á pandemia. Hai cousas que seguen, as probas continuarán co modelo instaurado coa covid-19, cunha maior optatividade, de modo que os aspirantes poderán escoller entre varias preguntas. Tamén hai outras medidas implantadas durante a crise sanitaria que se demostraron eficaces desde un plano loxístico. Así, o acceso dos estudantes aos centros será ordenado e en filas, manterase a ventilación das aulas e permitirase que os alumnos poidan levar as súas mochilas ata os seus asentos, en lugar de deixalas todas amontoadas nunha esquina. Unha das novidades da selectividade deste ano será a volta da detección de frecuencias en "todas as aulas", para cazar os alumnos que tenten copiar a través dalgún dispositivo.

Tras unha presentación introdutoria ás 9:00 horas, os exames arrincarán ás 10:00, co de Historia de España. Igual que todas as restantes, a proba durará hora e media. A mañá do primeiro día completarase con Lingua Castelá e Literatura II, ás 12:00 do mediodía.

Os resultados, nunha semana

Unha vez terminados os exames, os aspirantes esperarán unha semana, ata o 15 ou o 16, para recibir os resultados. Participarán no desenvolvemento desta ABAU entre 800 e 1.000 traballadores. Unha vez que se coñezan as notas, abrirase un período de catro días, do 16 ao 20, para solicitar revisións. Tras coñecerse a resolución a estas peticións, publicaranse as notas definitivas e empezará a correr o calendario para matricularse na universidade, pero iso será xa en xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade