Publicador de contidos
Publicador de contidos

Entra en vigor a prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico ata 2048

Entra en vigor a prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico ata 2048

Aprobouna o goberno de Aznar no ano 2000 e Bruxelas ameaza con sancionar a España por non sacala a licitación pública

Anos antes, en 1994, o Goberno de Felipe González tamén aprobara unha prórroga que abarca dende 2013 ata 2023

G24.gal 17/08/2023 17:09 Última actualización 17/08/2023 21:21

A última prórroga da concesión da autoestrada AP-9, a que aprobou o goberno de Aznar no ano 2000, entrará en vigor a partir deste venres, data en que debería terminar esa concesión e empezará a contar nese momento o prazo extraordinario de 25 anos adicionais validado polo entón ministro Rafael Arias Salgado, ata agosto de 2048.  

Neste escenario, a Autoestrada do Atlántico, principal vía de vertebración do territorio galego, segue sendo obxecto de debate, especialmente despois de que, despois da convocatoria de eleccións do pasado xullo, o proceso de transferencia a Galicia quedase no aire sen completar.  

Por outra banda, a ampliación da concesión ata 2048 está baixo a lupa da Comisión Europea que, en setembro de 2021 anunciou a apertura de expediente a España por ese período de explotación extra, sen convocar unha licitación pública.

Bruxelas envioulles unha carta de emprazamento, o primeiro paso nos procedementos comunitarios de infracción, ás autoridades españolas para garantir a correcta aplicación da regulación europea na concesión de contratos, ao considerar que España non cumpriu coas súas obrigacións nesta materia.

Dúas prórrogas denunciadas

A asociación galega En-Colectivo presentou en xullo de 2020 unha denuncia ante a Comisión Europea por considerar que as prórrogas da concesión da AP-9 a Audasa vulneraban a normativa comunitaria. 

A primeira prórroga aprobouna en 1994 o Goberno socialista de Felipe González e permitía a explotación dende o 2013 ata o 2023.

A segunda prórroga aprobouna no ano 2000 o Goberno popular de Jose María Aznar e permitía a explotación outros 25 anos, ata 2048.

A asociación En-Colectivo reclama que se anule a concesión e que se devolvan os cobros indebidos de peaxes desde 2013.  

Audasa anunciou no seu momento que, se ese procedemento de infracción acababa co fin da concesión, reclamaría ser compensada en máis de 1.000 millóns de euros.  

A día de hoxe, a Comisión aínda non ditaminou, algo que para En-Colectivo pode ser indicio de que "se está facendo unha investigación en profundidade".

O seu presidente, Diego Maraña, lamentou que "hai catro anos o BNG obtivo un compromiso do Goberno para a transferencia da autoestrada e para devolvela aos galegos", pero "catro anos despois a situación non cambiou".  

Por outra banda, sobre a posible indemnización a Audasa, o presidente de En-Colectivo sinalou que xa o Consello de Estado "advertiu de que é máis caro" financiar a bonificación das peaxes que unha posible indemnización á concesionaria.

Así mesmo, matizou que esa compensación por lucro cesante "non sería tanta" como a anunciada, tendo en conta que a empresa estivo "atrasando a amortización" e por iso ten rendibilidades por encima do que debería.  

A empresa, que pertence ao grupo Itinere, sempre negou esa acusación, e incidiu en que, desde que se produciu a privatización da Empresa Nacional de Autoestradas (ENA) en 2003, todos os beneficios se destinaron a amortizar os investimentos e non se repartiron dividendos entre os accionistas.  

Mentres, no principio do ano e en resposta a unha pregunta do deputado do BNG, Néstor Rego, o Goberno limitouse a constatar que, en tanto que a UE non anulou a prórroga da concesión, a obrigación legal é cumprir o aprobado no seu momento.

O BNG pedirá que remate a peaxe, e PP E PSOE cúlpanse mutuamente da situación

Precisamente, a principios desta semana, o BNG lembrou que, se non fose pola prórroga aprobada polo PP, desde este venres a Autoestrada do Atlántico "sería gratuíta". O deputado nacionalista Luís Bará, que cualificou de "obscenos" os resultados económicos da concesionaria no primeiro trimestre do ano (36 millóns de euros, case un 70 % máis ca no mesmo período do 2022), anunciou que o BNG volverá presentar iniciativas no Parlamento galego e no Congreso dos Deputados para lograr o "dobre obxectivo" dunha AP-9 "galega e libre de peaxes".  

Pola súa banda, o portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, incidiu en que "o auténtico problema para Galicia con respecto á AP-9 ten nome propio exclusivo, o do PP, o PPdeG". Así, o portavoz socialista subliñou que "Galicia enteira sabe" que, de non ser por esa prórroga aprobada polo goberno de Aznar, a autoestrada finalizaría agora a concesión e podería ser gratuíta. "A responsabilidade é clara e exclusivamente do PP", abundou, á vez que puxo en valor as bonificacións nas peaxes aprobadas polo Goberno de Pedro Sánchez.  

Mentres, o grupo do PPdeG rexistrou o pasado mes de xuño unha proposición de lei, para dirixir ao Congreso dos Deputados, para a transferencia da AP-9, tendo en conta que, ao convocarse as eleccións xerais, decaeu o texto lexislativo que se estaba tramitando na Cámara Baixa.  

O portavoz de Infraestruturas do grupo popular, José Manuel Balseiro, recalcou que a transferencia "é a gran materia pendente do futuro goberno de España con Galicia" e que o PP fará "todo o posible por que se materialice". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade