Ethel Vázquez: "O ministerio trasladounos que a AP-9 non se pode transferir porque é unha vía estatal estratéxica"
Ethel Vázquez: "O ministerio trasladounos que a AP-9 non se pode transferir porque é unha vía estatal estratéxica"
Ethel Vázquez: "O ministerio trasladounos que a AP-9 non se pode transferir porque é unha vía estatal estratéxica"
A conselleira de Infraestruturas critica a negativa do Goberno central en funcións e asegura que a Xunta está preparada para asumir a xestión da autoestrada
Vázquez lamenta o novo atraso na entrega dos trens AVRIL e reclama o envío de sete convois
A conselleira de infraestruturas, Ethel Vázquez, critica a negativa do Goberno central en funcións a transferir a titularidade da autoestrada AP-9 a Galicia e rexeita as razóns dadas polo secretario de estado de transportes en funcións, David Lucas, co que se reuniu este xoves. Explicou a conselleira que o ministerio sostén que a autoestrada "non é transferible porque é unha vía estratéxica na propia rede de estradas do Estado".
Lamenta a negativa do Goberno central en funcións e asegura que "non nos deron nin opción a crear unha comisión para abordar todos os asuntos da AP-9". Recoñece que non agardaban esa resposta porque "a Xunta está preparada para asumir a transferencia. Demostramos que estamos preparados para asumir a xestión de estradas de titularidade estatal. Estamos preparados porque vemos que é necesaria unha xestión máis próxima ao territorio dunha infraestrutura como esta autoestrada que é fundamental e que vertebra o territorio. Acollemos con sorpresa a negativa do ministerio".
Vázquez lembrou que o traspaso da titularidade da autoestrada a Galicia é unha vella demanda da Xunta que conta co apoio unánime do Parlamento de Galicia. Repróchalle ao PSdeG que en Galicia se amose a favor mentres que en Madrid o seu partido a rexeite.
A conselleira de infraestruturas esixe concreción ó goberno central sobre a data da chegada dos trens AVRIL a Galicia que permitirá levar a alta velocidade desde Ourense ao resto de cidades galegas. Lamenta que o ministerio fale agora do primeiro trimestre do ano que vén e di que é "un novo adiamento e un novo atraso".
Por outra banda, denuncia que o ministerio non concretou cales serán os criterios de repartición dos trens. "Informáronnos de que non o teñen decidido e a Xunta volveu a solicitar que se dispoña de sete unidades", explicou.
Ethel Vázquez reclama o envío de sete unidades porque "non as que consideramos necesarias para garantir un servizo de alta velocidade de calidade e competitivo para ter frecuencias a primeira hora da mañá, ó mediodía e a última hora da tarde e que chegue a Santiago, A Coruña e Vigo. Agardamos que Galicia consiga os trens que precisa. Con sete unidades teriamos cumpridas as expectativas en conta a dispoñibilidade de prazas e frecuencias e servizos".
Lamenta tamén a falta de concreción sobre os trens AVLO que permitirían ofrecer viaxes a baixo custe.
Aínda sobre infraestruturas ferroviarias, no tocante a alta velocidade entre Ferrol e Lugo, Vázquez di que "non son boas noticias. O ministerio non ten previsto nin sequera unha pequena reflexión sobre a conexión de Ferrol coa alta velocidade e iso preocúpanos. É unha necesidade imperiosa que se concrete a planificación para mellorar a liña ferroviaria entre Coruña e Ferrol, partindo da premisa de que a Xunta defende que o Eixo Atlántico debe estenderse desde Ferrol ata a fronteira portuguesa".
Ademais, apuntou que "constatamos que no caso de Lugo, o ministerio rexeita as propostas de variantes que permitirían reducir o tempo de viaxe entre Lugo e Ourense. Agardamos que o Goberno rectifique".