Publicador de contidos
Publicador de contidos

Europa coordínase para enviar equipos de rescate a Turquía

Europa coordínase para enviar equipos de rescate a Turquía

España activou efectivos da Unidade Militar de Emerxencias

G24.gal 06/02/2023 19:30 Última actualización 06/02/2023 21:00

Varios países da Unión Europea anunciaron este luns o envío de equipos de rescate para axudar na busca de sobreviventes tras os terremotos que sacudiron a zona fronteiriza entre Turquía e Siria.

A presidenta do Executivo comunitario, Ursula von der Leyen, subliñou que "o apoio de Europa xa está en camiño" nunha mensaxe na súa conta oficial de Twitter, á vez que asegurou que os Vinte e sete "choran" coas familias das vítimas dos sismos.

Bruxelas activa o mecanismo de Protección Civil

O Centro Europeo de Coordinación de Resposta a Emerxencias é o ente que se está encargando de supervisar toda a axuda anunciada polos distintos países da UE.

A Comisión Europea tamén activou o Mecanismo de Protección Civil da UE, unha reserva con medios de transporte, equipos médicos e equipamentos loxísticos, entre outros, que está pensada para a súa posta en marcha inmediata, tanto dentro como fóra das fronteiras dos Vinte e sete, en caso de catástrofes.

Francia envía 139 socorristas e Alemaña promete campamentos

Francia anunciou o envío de 139 socorristas da seguridade civil a Turquía.

Este envío realízase a pedimento do presidente da República, Emmanuel Macron, quen horas antes deste anuncio prometeu "axuda de urxencia á poboación sobre o terreo".

Alemaña apuntou mobilizará todos os tipos de axuda posible, pero, en particular, a ministra de Interior, Nancy Faeser, falou de poñer ao dispor de Turquía campamentos provisionais, para os que están a preparar o envío de tendas e mantas, ademais de proporcionar sistemas eléctricos de emerxencia e de procesamento de auga.

Austria comprometeuse a destinar tres millóns de euros do fondo nacional para catástrofes no estranxeiro para facer fronte ás consecuencias dos sismos, e anunciou o envío de 112 rescatistas: 84 militares, 25 bombeiros e tres médicos de urxencias.

 Países Baixos, Bulgaria, Croacia, República Checa, Grecia e Polonia xa anunciaron a rápida mobilización de equipos de rescate para axudar os efectivos locais durante as primeiras horas tras o sismo.

Tamén ofreceron equipos España, Italia, Hungría, Malta e Eslovaquia

No caso de España, enviaranse a Turquía e Siria equipos de busca e rescate urbano. Protección Civil e Emerxencias do Ministerio do Interior solicitaron a activación urxente da Unidade Militar de Emerxencias (UME) e do Equipo de Resposta Inmediata da Comunidade de Madrid.

De forma paralela, están a facerse as xestións para dispoñer o máis axiña posible de transporte aéreo para poder despregar estas unidades sobre o terreo, segundo Protección Civil. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar