Publicador de contidos
Publicador de contidos

Éxito do segundo paseo pola saúde na cidade de Ourense

Éxito do segundo paseo pola saúde na cidade de Ourense

Medio milleiro de persoas participan na andaina solidaria

G24.gal 30/09/2023 14:06 Última actualización 30/09/2023 14:39

Mais de cincocentas persoas uníronse ao 'Paseo pola saúde', unha forma lúdica e saudable de dar a coñecer o traballo das diferentes asociacións que axudan a enfermos crónicos na provincia.

Unha actividade organizada polo consello asesor de pacientes da área sanitaria de Ourense. As vinte asociacións que o forman impulsaron esta xornada de andaina e festa, que cada un levaba ao seu ritmo.

Así poñen en valor o seu traballo e a importancia dos hábitos de vida saudables. Carmen Aragonés, Xerente Asociación Española contra o cancro Ourense, comenta: "Estamos aquí con todo o equipo de voluntariado para sensibilizar a xente, para hábitos saudables. Camiñar todos os días é moi bo para a saúde concienciar de todos os servizos que temos, gratuítos, para toda a sociedade ourensá".

Noelia Luque, da Asociación de Dano Cerebral Adquirido, di que "esta é a forma de que toda a poboación ourensá e a cidadanía vexa a importancia do mundo asociativo que hoxe estamos aquí concentradas e damos unha cobertura importante a esas persoas que tras a alta hospitalaria non teñen un recursos específico a onde ir". 

Belén Piñeiro, xefa de Servizo de Atención ao paciente e Humanización da área sanitaria de Ourense, conta que "ademais desta camiñada vai haber uns obradoiros que organizan 'Pupas, sustos e outros desgutos', nutricionistas, e as propias entidades que van dar información sobre o que fan para todos aqueles que se queiran achegar".

Especial atención este ano aos nenos, con obradoiros e actividades lúdicas. Voluntarios, pacientes e cidadáns solidarios sumáronse a esta xornada tan especial a beira do Miño.

"Isto está moi ben para a saúde e para ter unha vida mellor", afirma un dos participantes nas acitividades, e outra salienta que "é unha marabilla, porque a maneira de saber coidarnos é ver que todos, distintos, buscamos o mesmo, que é estar cada día un pouco mellor, ou polo menos levar as enfermidades crónicas a  bo porto".

Paso a paso amósase así a unión e a importante labor de todas as entidades do chamado terceiro sector.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade