Publicador de contidos
Publicador de contidos

Expertos de Tráfico reconstrúen en Xove o accidente en que morreron catro mozos

Expertos de Tráfico reconstrúen en Xove o accidente en que morreron catro mozos

O equipo, desprazado desde Mérida ata a Mariña, realizará "os traballos de campo necesarios para a confección dunha inspección técnico-ocular complementaria en relación co sinistro viario"

G24.gal 07/06/2023 10:37 Última actualización 07/06/2023 14:17

Un equipo de traballo do Departamento de Investigación e Reconstrución de Accidentes de Tráfico (DIRAT) da Garda Civil desprazouse este mércores ata Xove para completar a investigación do accidente que lle custou a vida a catro mozos o pasado 1 de abril.

O equipo de expertos chegou á Mariña desde a Escola de Tráfico da Garda Civil, en Mérida, onde ten a súa sede ese equipo de reconstrución de accidentes, e contra as dez da mañá os axentes comezaron a realizar ese traballo.

Durante horas, os especialistas realizaron un traballo de campo no lugar onde se producira o sinistro, que é unha curva pronunciada situada na parroquia da Rigueira.

Segundo a información facilitada pola Comandancia de Lugo, "o obxecto do seu desprazamento é realizar os traballos de campo necesarios para a confección dunha inspección técnico-ocular complementaria en relación co sinistro viario" que tivo lugar o 1 de abril, na estrada provincial LU-P-2604.

Nese accidente faleceron catro mozos, dúas rapazas e dous rapaces, de entre 17 e 19 anos, todos veciños de Ribadeo.

Un dos dous sobreviventes é o condutor do vehículo, de 19 anos, que quedou ferido e estivo ingresado na UCI do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), e que foi dado de alta hai escasos días e nestes momentos segue a súa recuperación desde un centro médico pontevedrés.

O Xulgado número 2 de Viveiro, que estaba de garda o día do suceso e asumiu a investigación, autorizou que se lle extraese sangue para ser analizada. Esas probas deron como resultado o positivo do condutor no test de alcoholemia.

O sexto ocupante do coche, que tamén logrou sobrevivir ao sinistro, saíu a pé do vehículo e tras unhas horas deambulando nalgunha zona próxima regresou ao lugar do accidente. Está a ser investigado por se cometeu un delito de omisión do deber de socorro, xa que presuntamente marchou sen axudar o resto das vítimas e sen pedir auxilio.

A investigación da Garda Civil confirmou que o día do suceso só dous dos ocupantes do coche levaban posto o cinto de seguridade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade