Expertos en cetáceos buscan como acceder a Manoliño para sacar o arpón que ten cravado
Expertos en cetáceos buscan como acceder a Manoliño para sacar o arpón que ten cravado
Desde a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) explican que non se pode trasladar porque é moi grande
A ferida parece superficial, pero o golfiño está intentando sacar a variña e iso pode acabar provocándolle problemas máis graves
O animal está asustado e molesto, polo que aínda que habitualmente se amosa cordial coa xente, nestes momentos foxe do contacto
Traballadores da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (Cemma) tratan de buscar a forma en que retirarlle ao golfiño Manoliño o arpón co que apareceu cravado nas últimas horas.
"Agora mesmo están os compañeiros no porto con el, están calculando como facer para poder sacarlle a variña", explicou nunha entrevista en 'A revista' Uxía Vázquez, oceanógrafa do Cemma.
"Polo de agora parece que está bastante superficial, na capa de graxa. Esa capa nos arroaces chega aos tres centímetros e polo de agora non parece que chegue ao músculo nin aos órganos, porque de ser así estaría sangrando", conta esta oceanógrafa. "A verdade é que xusto na zona en que está non parece que lle poida causar moito dano, pero si que é un risco".
O problema, explican desde o Cemma, "é que lle cause unha infección ou que el a crave máis porque estase rañando contra os espigóns e os embarcadoiros para intentar sacala e pode cravala máis ou facer unha esgazadura".
En canto a que facer, mentres non o poidan observar máis de preto non poden saber cal é o procedemento, pero "ten que ser todo alí. É un animal moi grande e trasladalo é supercomplicado", di Uxía Vázquez.
"El nada perfectamente e está nunha zona profunda", explica. E isto é un problema: "Nós non podemos facer pé aí e non temos forma de collelo. Entón estamos intentando ver que posibilidades hai. Agora parece ser que está preto de terra e entón valoramos diferentes opcións que nos permitan achegarnos a el e despois ver como facer porque non se pode anestesiar nin trasladar polo tamaño e o peso que ten".
"A situación é complicada e perigosa para el e para nós", conclúe Uxía.
Nestes momentos o golfiño está controlado, pero desde o Cemma advirten que se alguén se atopa con el, que non o toque: "Iso primeiro de todo, e non achegarse a el. Porque el está molesto. El achegábase á xente feliz e desta volta saíu algo mal. Non quere saber nada de ninguén. Hai que manter a distancia, non tocar a vara, non intentar sacarlla. E, sobre todo, manter a distancia, porque agora mesmo é un animal que está molesto".
Sobre que puido ocorrer para que acabase coa variña cravada, Uxía Vázquez di que "agora só temos hipóteses. Está claro que a barra está cravada desde o mar e dende atrás. E eles non nadan cara atrás. Está cravada intencionadamente". En calquera caso, "queremos crer que asustou a alguén", di, xa que non se entende que alguén lle quixese facer mal ao animal.
E de novo volven dar unha mensaxe clara: un golfiño é un anima salvaxe, que vive en liberdade, e o contacto cos seres humanos debe ser o mínimo. "Como levamos dicindo todos estes anos, e non nos imos cansar de dicilo, hainos que deixar tranquilos, incluso saír da auga, e dentro do posible ignoralo e non xogar con el, porque iso incentiva a que el continúe achegándose e nos acabe molestando e poida provocar un accidente como o que puido ocorrer. Hai que intentar reducir ao máximo as interaccións con el para evitar de novo este tipo de casos".