Exposición en Culleredo polo 50 aniversario do servizo aéreo da Garda Civil
Exposición en Culleredo polo 50 aniversario do servizo aéreo da Garda Civil
O servizo aéreo da Garda Civil tamén fai 25 anos en Galicia
Con motivo do aniversario organizouse un concurso de debuxo nos colexios
Esta mañá quedaba inaugurada a exposición polo 50 aniversario do servizo aéreo da Garda Civil. Un servizo que naceu en 1973. Foi cando a Garda Civil observou a necesidade de vixiar desde o ceo e decidiu mercar un primeiro helicóptero.
Quen se achegue ata esta mostra de materiais e medios do servizo aéreo poderá ver motores, maquetas dos avións, varios helicópteros, compoñentes deses helicópteros e os máis modernos dróns.
Ademais, na explanada do paseo marítimo do Burgo en Culleredo, durante a fin de semana poderemos coñecer como é o traballo desta Garda Civil do aire. Como é o seu traballo en Galicia, que se centra en axudar a outros operativos terrestres da Garda Civil, en materia de vixiancia de carreteiras, de axuda nos incendios e de controis de pesca.
Con motivo da celebración do 50 aniversario do servizo aéreo da Garda Civil tamén se puxo en marcha un concurso de debuxo para escolares. O autor do debuxo gañador conseguiu un paseo nun dos helicópteros do servizo aéreo da Garda Civil. Un bo xeito de poder tocar o ceo.