Expourense acolle a 15.ª edición de Previsel, o salón de prevención e seguridade laboral
Expourense acolle a 15.ª edición de Previsel, o salón de prevención e seguridade laboral
Este mércores impartiuse un obradoiro de defensa persoal para os sanitarios das ambulancias
Como defenderse ante a agresión dun paciente ou as últimas tecnoloxías médicas para ambulancias son algún dos asuntos que se trataron esta tarde no salón de prevención e seguridade laboral que se celebra en Expourense.
"Un agarre sobre a lapela do uniforme, ou cando están sentados e os intentan agredir cun golpe lateral cando se queren incorporar", explica Cipriano Gomes, profesor de autodefensa, sobre o contido do obradoiro.
Fano por necesidade. As agresións, aseguran no colectivo de técnicos de emerxencias sanitarias de Galicia, aumentaron desde a pandemia.
"Non sei se a xente estivo aguantando as ganas de facer bronca, pero si se empeza a notar que hai máis agresións e máis contundentes, máis perigosas", Uxío Figueroa, Responsable de formación de TES Galicia.
Novas tecnoloxías e tratamentos
Tamén puidemos ver en Previsel tecnoloxías innovadoras para o tratamento dos pacientes, coma unha máquina para facer a reanimación cardiopulmonar.
"E podemos transportar o paciente con seguridade de que en caso de accidente ou de freada, non sexa un problema de seguridade para o propio técnico", explica Jesús Ripa, comercial de electromedicina.
Prevención, saúde e seguridade laboral son os aspectos que se tratan neste salón en que tamén se celebran xornadas e conferencias de distintos sectores profesionais.