Publicador de contidos
Publicador de contidos

Xosé Manuel, gandeiro: "Simplemente pido que me devolvan os cartos que me roubaron"

Xosé Manuel, gandeiro: "Simplemente pido que me devolvan os cartos que me roubaron"

Este gandeiro de Trazo vai demandar os abusos do cártel do leite, a quen lle atribúe unhas perdas de 20.000 euros ao ano

Xa hai sentenzas que condenan as industrias leiteiras por pactar prezos á baixa entre 2000 e 2013

Os sindicatos agrarios calculan que pode haber case trinta mil granxas galegas con dereito a reclamar

G24.gal 23/02/2024 14:40

Entre 2000 e 2013, as industrias que recollían boa parte do leite galego pactaron prezos á baixa. Acordaron pagarlle de menos os gandeiros, e calcula un deles, Xosé Manuel Liste, que con iso perdeu uns 20.000 euros ao ano.

El incorporouse á gandería A Roubada en Trazo en 2006, e hoxe pensa que con aqueles cartos que lle restaron, podería ter arrancado doutra maneira. 

"Estamos falando de tres céntimos en litro de leite", explica Xosé Manuel. "Pode parecer insignificante -engade-, pero fai que unha explotación sexa rendible ou non, que poidas investir ou non, medrar ou non".  

E ademais de pagarlle menos, impedían que buscase mellor prezo noutro comprador. Eran as industrias que máis leite movían en Galicia, así que estaba difícil atopar alternativas. Xosé Manuel conseguiuno en 2012.

"Cambiamos porque a outra industria interesáballe coller máis leite e tivemos oportunidade de cambiar, pero foron movementos moi puntuais", explica. Afirma que era "case imposible" cambiar, porque as industrias "estaban de acordo entre elas e non se querían tocar, entendíanse moi ben".

Empezan a saír sentenzas que condenan as industrias por eses abusos, así que Xosé Manuel tamén vai reclamar o que lle quitaron. "Falan dun 10 por cento sobre o prezo do leite que había nesa época" di. Calcula que poderá pedir "máis ou menos 3 céntimos, polo leite que produciches neses anos", máis os intereses que teñan eses cartos. "Eu simplemente pido que me devolvan os cartos que me roubaron eses anos, pido iso nada máis", conclúe.

Pode haber case trinta mil granxas galegas con dereito a reclamar os cartos daqueles anos, incluso as que hoxe xa estean pechadas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade