Falece a muller que saltou coa filla en brazos desde un quinto piso en Avilés
Falece a muller que saltou coa filla en brazos desde un quinto piso en Avilés
A menor atópase fóra de perigo, segundo a avogada do pai
A muller que se precipitou en Avilés desde un quinto piso coa súa filla de sete anos en brazos faleceu no hospital Universitario Central de Asturias (HUCA), onde permanecía ingresada desde que se produciron os feitos o día 5, informaron fontes hospitalarias.
A pesar dos berros da nena para que non a tirase pola xanela, nai e filla precipitáronse e caeron sobre un coche aparcado, que amorteceu a caída, antes de quedaren tendidas sobre a beirarrúa.
O titular do xulgado de garda retiráralle á nai a custodia e a patria potestade, ditou unha orde de afastamento e non lle recoñeceu ningún réxime de visitas á menor que, tras ser trasladada ao HUCA, atópase fóra de perigo, segundo a avogada do pai.
Esta non é a única causa que o seu cliente ten aberta coa familia materna da súa filla, despois de pechárense as que se cursaron nos anos 2017 e 2018 por malos tratos entre ambos, unha das cales corresponde a un presunto delito de ameazas por parte do avó materno.
Prisión provisional
Este último permanece en prisión provisional no centro penal de Asturias como presunto autor dun delito de homicidio en grao de tentativa e quebrantamento dunha orde de afastamento do pai da nena, ao que agardou nun portal cun coitelo, un martelo e un spray de pementa.
Na súa declaración ante o xuíz, o avó recoñeceu os feitos e xustificounos na tensión e nervios que provocara en toda a familia o feito de que o pai da súa neta recuperara o réxime de visitas, segundo o relato da súa avogada, María Luisa Nevado.
Ademais, o avó ten aberta unha terceira causa desde hai uns meses por outro intento de agresión cun coitelo que desembocou tamén nunha orde de afastamento.
Desde que deixaran de vivir xuntos pouco despois de que nacera a nena en 2016, sucedéronse as denuncias entre os proxenitores e ambos os dous chegaron a ser condenados por malos tratos.
Segundo a letrada, tamén terminou en sobresemento outra denuncia que, por mor de que o pai pedira a custodia compartida, presentou a nai por abusos sexuais sobre a nena cando tiña catro anos, o que supuxo visitas tuteladas para o pai durante tres anos.