Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece José García Buitrón, ex-xerente do hospital Universitario da Coruña

Falece José García Buitrón, ex-xerente do hospital Universitario da Coruña

O médico coruñés de 77 anos, pioneiro dos transplantes en Galicia, tamén foi senador por Podemos

Morreu de xeito repentino en Madrid e sospéitase que a causa foi un accidente cerebrovascular

G24.gal 17/09/2022 18:39 Última actualización 17/09/2022 19:01

O ex-xerente do hospital Universitario da Coruña e exsenador José García Buitrón faleceu este sábado en Madrid aos 77 anos a causa dun accidente cerebrovascular.

En Madrid asistiu o venres ao consello cidadán estatal de Podemos, partido do que era secretario municipal na Coruña. En 2015 foi elixido senador por En Marea. No seu último chío nas redes sociais concluía: "Estaremos onde sempre, defendendo democracia e progreso social".

O urólogo García Buitrón foi ademais pioneiro dos transplantes en Galicia, xa que foi un dos responsables da primeira intervención de ril no ano 1981.

Tamén foi responsable da oficina de Coordinación de Transplantes na Coruña. Desenvolveu unha carreira médica prolífica que non só deixou un recoñecemento en Galicia, senón tamén en medio mundo, xa que realizou transplantes en países como Trinidad e Tobago ou Cuba.

Estudou Medicina en Santiago, a especialidade de nefroloxía en Barcelona e a de uroloxía en Madrid, antes de comezar a desenvolver a súa carreira no daquela Juan Canalejo en 1975.

"Poucas persoas son capaces de deixar a pegada que deixou o noso compañeiro José García Buitrón, pioneiro en transplante de órganos, defensor da sanidade pública e militante de Podemos", sinalou o partido na mensaxe no que dá conta do seu falecemento.

O voceiro de Unidas Podemos no Congreso, Pablo Echenique, é outro dos dirixentes do seu partido que amosou o seu pesar: "Hoxe é un día moi triste. A perda é enorme". Tamén o fixo a vicepresidenta segunda do Goberno e líder de Sumar, Yolanda Díaz, quen destacou no seu pésame a xenerosidade e intelixencia de García Buitrón, mentres que o seu predecesor na Vicepresidencia Segunda e exlíder de Podemos, Pablo Iglesias, lamentou canto van botar de menos o seu "amigo, compañeiro".


 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade