Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece un condutor nunha saída de vía na AP-9 ao seu paso por Ordes

Falece un condutor nunha saída de vía na AP-9 ao seu paso por Ordes

G24.gal 01/10/2023 10:28 Última actualización 01/10/2023 14:39

Os veciños da parroquia de Buscás, no concello coruñés de Ordes, xa pensaron no peor cando viron ao lonxe o que semellaba un conato de incendio procedente dun monte lindeiro coa autoestrada AP-9.

Cando un deles se achegou ao lugar, xa comprobou o que varios condutores acababan de relatar ao 112: as faíscas procedían dun vehículo que se botara fóra da vía cando circulaba en dirección a Santiago, xusto antes de chegar á saída da peaxe de Ordes.

Eran sobre as nove e media da noite e o vehículo, tras atravesar o carril rápido cara á súa dereita, sufría unha saída de vía e empezaba a arder, sen que o único ocupante puidese saír ao exterior. Ao lugar achegouse a Policía Local e os Bombeiros de Ordes, así como a Garda Civil de Tráfico, entre outros servizos de emerxencias, que non puideron facer xa nada pola vida do condutor, un veciño de Allariz, de 44 anos.

Coa luz do día, aínda se apreciaban as pegadas dos pneumáticos do vehículo na estrada antes de bater cun noiro. Os primeiros indicios apuntan a que o coche saíu despedido polo aire uns trinta metros ata quedar envorcado ao principio dunha plantación forestal, onde comezou a arder e converteuse nunha trampa mortal para o seu condutor.

Será a investigación a que determine as causas do sinistro.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade