Falece un condutor tras saír da vía e caer por un terraplén en Cambre
Falece un condutor tras saír da vía e caer por un terraplén en Cambre
O condutor e único ocupante do vehículo accidentado, un veciño de Cambre de 49 anos, que faleceu, non facía uso do cinto de seguridade
O condutor e único ocupante dun vehículo faleceu nun accidente de tráfico rexistrado na madrugada deste luns ao sufrir unha saída de vía no termo municipal de Cambre e caer por un terraplén.
Segundo informou o 112 Galicia, este sinistro tivo lugar sobre as 4:45 horas deste luns. Un particular alertou dunha saída de vía na AC-221, á altura da ponte da presa de Cecebre. No seu relato non podía confirmar se algunha persoa quedara ferida ou atrapada.
Informouse a profesionais sanitarios, á Garda Civil de Tráfico, á Policía Local e ao servizo de mantemento da estrada. Ademais, tamén se pediu a colaboración do Bombeiros de Arteixo, que, finalizada a súa intervención, confirmaron ao 112 Galicia que foi preciso facer uso do material de excarceración para liberar o condutor e único ocupante do turismo, falecido no accidente.
Fontes da Garda Civil manifestaron que o vehículo saíu da vía á altura do quilómetro 7,500 da citada estrada e caeu por un terraplén. O condutor e único ocupante do vehículo accidentado, un veciño de Cambre de 49 anos, que faleceu, non facía uso do cinto de seguridade.