Falece un home ao envorcar o tractor que conducía en Sober
Falece un home ao envorcar o tractor que conducía en Sober
O home foi trasladado en helicóptero aínda con vida ao hospital, pero faleceu despois
Un tractorista faleceu tras envorcar o seu vehículo en Sober.
O accidente produciuse nun monte preto da LU-93.
A chamada dun particular informou a Emerxencias ás 17:00 horas de que unha persoa tivera un accidente cun tractor e indicaba que o vehículo envorcara e que o condutor non estaba atrapado, pero si inconsciente.
De inmediato, desde o 112 Galicia puxéronse os feitos en coñecemento de Urxencias Sanitarias de Galicia, os Bombeiros de Monforte, Policía Local, Garda Civil e dos efectivos de Protección Civil de Sober.
Finalmente, os equipos de emerxencia desprazados ata a zona confirmaron aos xestores do 112 que o ferido recobrara a consciencia e foi trasladado ao hospital, aínda que faleceu posteriormente.
Ao tratarse dunha zona de difícil acceso, mobilizouse a aeronave dos servizos sanitarios, que tomou terra no lugar dos feitos para atender ao ferido.
Outro accidente en Negreira
Pola mañá, un home tivo que ser trasladado en helicóptero ao hospital tras resultar ferido ao envorcar o tractor que manexaba en Negreira.
Os feitos ocorreron na leira dunha vivenda do lugar de Trece, en Liñaio.
Pese ao envorco do tractor, o home permanecía liberado e accesible, pero necesitaba asistencia sanitaria con urxencia polo que o helicóptero medicalizado con base en Santiago encargouse do traslado do ferido.
O 112 Galicia activou un operativo que contou coa participación do GES de Brión, da Garda Civil, da Policía Local e dos voluntarios de Protección Civil de Negreira.