Falece un home en Outes ao envorcar o tractor que conducía
Falece un home en Outes ao envorcar o tractor que conducía
Os sanitarios trasladados á zona xa non puideron facer nada pola súa vida
O accidente ocorreu nunha leira do lugar de Sande de Abaixo, en Outes, pasadas as doce e media da mañá. Foi un particular o que avisou os servizos de emerxencias.
O 112 Galicia tivo constancia dez minutos despois das 12:30 horas, cando un particular relatou os feitos: unha persoa estaba atrapada despois de envorcar co seu tractor.
De inmediato, desde o CIAE-112 Galicia deuse aviso a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, aos Bombeiros de Boiro, ao GES de Noia, á Garda Civil, á Policía Local e aos voluntarios de Protección Civil de Outes.
Os axentes da Policía Local chegaron rapidamente ao lugar e informaron da gravidade da situación, pero, a pesar dos esforzos, os servizos de emerxencias só puideron confirmar o falecemento do implicado.