Falece un octoxenario atropelado nun paso de peóns en Soutelo de Montes
Falece un octoxenario atropelado nun paso de peóns en Soutelo de Montes
O home faleceu na ambulancia camiño do hospital
A falla de iluminación pública dificultaba a visibilidade
Un veciño de Ventoxo, no concello de Forcarei, faleceu tras ser atropelado cando cruzaba por un paso de peóns situado no centro de Soutelo de Montes, por onde pasa a estrada nacional 541 que une Ourense e Pontevedra.
A vítima, de 86 anos, estaba xa rematando de cruzar cando un vehículo conducido por un varón duns 60 anos levou o home por diante.
Os datos sobre sinistralidade son preocupantes: o 10 % dos falecidos nas estradas galegas son peóns. Nesta ocasión, a mala visibilidade semella ser a causa do atropelo, xa que un fallo eléctrico da iluminación pública mantiña a zona sen luz.
A vítima mantívose consciente en todo momento, malia que, segundo algunhas testemuñas, tiña problemas para respirar.
Ata o lugar desprazouse a Garda Civil, Protección Civil de Forcarei e unha ambulancia, que procedeu ao seu traslado a un centro hospitalario, a onde xa chegou sen vida.