Morre un home de 80 anos tras ser atropelado no concello de Neda
O suceso aconteceu sobre as 7:30 da mañá deste mércores
A vítima cruzou por unha zona non habilitada e sen chaleco reflector
Un home faleceu este mércores en Neda por mor dun atropelo que se produciu sobre as 7:30 da mañá, informou o 112 Galicia. A vítima é un home duns 80 anos que cruzaba por esta estrada que une os concellos de Neda e Fene, pasadas as sete e media da mañá. E facíao por unha zona non habilitada e sen chaleco reflectante cando o condutor do turismo o levou por diante.
A vítima viña de dar o seu habitual paseo e ía camiño da súa casa situada a poucos metros de onde se produciu o accidente.
Un particular advertiu destes feitos a emerxencias e indicou "desde un primeiro momento que o atropelado podía estar falecido por motivo da colisión".
O 112 Galicia solicitou colaboración de Garda Civil e Protección Civil de Neda, ademais de informar a Bombeiros de Ferrol e Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Mugardos, que non chegaron a intervir na zona.