Publicador de contidos
Publicador de contidos

Falece un home atropelado en Vilagarcía ao cruzar en vermello un semáforo

Falece un home atropelado en Vilagarcía ao cruzar en vermello un semáforo

A vítima mortal, un varón duns 75 anos, pasaba o verán na vila coa súa familia

O accidente sucedeu na Avenida Rosalía de Castro, na recta de Carril, nun paso de peóns con regulación semafórica

Lugar do atropelo mortal en Vilagarcía de Arousa, na recta de Carril/ Cedida Faro de Vigo
G24.gal 07/07/2024 13:19 Última actualización 07/07/2024 20:58

Unha persoa morreu como consecuencia dun atropelo na Avenida Rosalía de Castro de Vilagarcía, na zona do parque A Compostela, nun paso de peóns á altura da Finca Artime da vila arousá.

O falecido é un varón duns 75 anos que tras recibir o impacto do vehículo sufriu un traumatismo cranioencefálico. O home cruzaba en vermello o semáforo existente á entrada do parque da Compostela sen decatarse da chegada do turismo, que transitaba en sentido a Carril, como informaba a Policía Local.

Un médico que pasaba pola zona en moto foi a primeira persoa que lle prestou auxilio ata a chegada das ambulancias e servizos médicos.

Ata o lugar desprazouse a Policia Local de Vilagarcía, que instrúe o atestado do tráxico accidente.

Os servizos de emerxencias do 112-Galicia, que se trasladaron tamén ata alí, non lograron reanimar a vítima do atropelo. Mobilizouse mesmo o helicóptero medicalizado do 061 con base en Santiago, que non chegou a intervir aínda que aterrou na praia Compostela. O médico que viaxaba a bordo só puido certificar a morte.

O falecido era un veciño de Madrid que estaba na cidade canda a súa familia gozando dunhas xornadas de vacacións.

O accidente obrigou a cortar o tráfico nun carril na estrada de saída de Vilagarcía cara Carril, o cal orixinou pequenas retencións.

A zona da Concha-Compostela é moi habitual para os paseos dos veciños da vila.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade