Publicador de contidos
Publicador de contidos

Un mozo de 22 anos falece acoitelado nunha liorta no centro da Coruña

Un mozo de 22 anos falece acoitelado nunha liorta no centro da Coruña

O corpo apareceu tendido na rúa Sinfónica de Galicia, perpendicular a Juan Flórez

Segundo a subdelegada do Goberno na Coruña, na pelexa participaron varias persoas

A policía no lugar dos feitos
G24.gal 24/12/2023 09:34 Última actualización 24/12/2023 19:56

Un mozo de 22 anos morreu acoitelado este domingo no centro da Coruña, segundo a Policía Nacional, no transcurso dunha refrega. O falecido, veciño de Arteixo, recibiu dúas coiteladas, unha no abdome e outra mortal no corazón.

O 112 recibiu o aviso dun particular minutos despois das seis e media da mañá. Inmediatamente a central de emerxencias mobilizou a Policía e un equipo sanitario do 061, que certificou a morte ao chegar.

O corpo estaba tendido no medio da vía na rúa Sinfónica de Galicia, perpendicular á céntrica Juan Flórez. Inmediatamente a zona quedou acordoada.

Durante horas, as forzas de seguridade tomaron testemuños, recolleron mostras e inspeccionaron os colectores das rúas da contorna na procura da arma do crime.

Cámaras de videovixilancia

Ademais, continúan analizando as imaxes captadas polas cámaras de videovixilancia que hai na zona, para tentar identificar o autor ou autores do acoitelamento e de reconstruír a secuencia dos feitos.

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, informou de que na liorta participaron varias persoas. O xulgado de garda decretou o segredo das actuacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade