Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fanse pasar por policías españois en Portugal para apoderarse dunhas xoias

Fanse pasar por policías españois en Portugal para apoderarse dunhas xoias

Querían incautalas nunha tenda dicindo que eran roubadas

G24.gal 09/06/2023 16:16

A Garda Civil investiga tres persoas que se fixeron pasar por policías españois para quedar cunhas xoias valoradas en 4.000 euros que foran vendidas en Portugal.

A investigación sobre estas persoas, que recibiu o nome de Polilusos, iniciouse a principios do mes de marzo tras un informe que o instituto armado recibiu do núcleo de investigación criminal da Garda Nacional Republicana de Valença do Miño.

A policía lusa advertía de que os investigados acudiron a un establecemento de compravenda de ouro e xoias deste municipio, no que dous deles se identificaron como policías españois, exhibindo carteiras con placas aparentemente oficiais.

Solicitaron á empregada do establecemento a entrega dunhas xoias que vendera días atrás á terceira persoa que os acompañaba, alegando que todas elas procedían dunha investigación xudicial que se estaba levando en España por roubo.

O establecemento pagara polas xoias que pretendían recuperar 4.000 euros, aínda que o seu valor podería chegar a ser o dobre, segundo destaca a Garda Civil.

Cando a empregada solicitou a asistencia da Policía de Seguridade Pública de Portugal para aclarar os feitos, os tres homes abandonaron o local dando argumentos evasivos.

O estudo das imaxes das cámaras de seguridade do establecemento permitiu identificar estas tres persoas, todas elas veciños de Vigo, de 80, 45 e 38 anos de idade.

Aos tres investíganos polos delitos de usurpación de funcións públicas, falsidade en documentos oficiais e tentativa de estafa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade