Ferido de gravidade o condutor dun camión que envorcou en Melón
Ferido de gravidade o condutor dun camión que envorcou en Melón
O condutor estaba atrapado no interior do vehículo e tivo que ser atendido no lugar antes de trasladalo a un hospital en helicóptero
Un home quedou ferido de gravidade tras envorcar o camión que conducía na A-52, ao seu paso pola parroquia de Quins, no municipio ourensán de Melón.
Segundo informou o 112, foi un particular o que deu a voz de alarma pouco despois das seis e media da tarde deste venres. Ata o punto desprazouse o Servizo de Urxencias Sanitarias. O condutor estaba atrapado no interior do vehículo. Así, os profesionais sanitarios, atendérono no mesmo lugar e mobilizaron un helicóptero medicalizado.
No operativo tamén participou a Garda Civil, os Bombeiros do Carballiño e o GES de Ribadavia.
O vehículo quedou envorcado na mediana, o que obrigou a interromper o tráfico no carril esquerdo, en sentido Benavente.