Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan o accidente en que quedou ferido grave un cazador en Viana do Bolo

Investigan o accidente en que quedou ferido grave un cazador en Viana do Bolo

Recibiu un disparo dun compañeiro que participaba nunha batida

Trasladárono en helicóptero ao Complexo Hospitalario ourensán, onde o operaron

G24.gal 19/09/2022 14:20

Entre 20 e 30 cazadores participaban nunha batida contra o xabaril en Viana do Bolo que se viu bruscamente interrompida ao mediodía de onte. Un dos cazadores, veciño da zona, de 40 anos, recibiu un disparo nunha perna efectuado, segundo as primeiras investigacións, de xeito accidental por un compañeiro.

Fernando Bouzo, GES da Veiga, di que "hai unha investigación aberta por parte da Garda Civil. Din que foi un compañeiro que tropezou, disparóuselle a arma e alcanzou o que estaba ao lado".

Foron os propios acompañantes do cazador ferido os que o levaron ata a estrada máis próxima, a de Tabazoa de Umoso, onde o recolleu o helicóptero medicalizado. Trasladouno ata o complexo hospitalario ourensán, onde precisou cirurxía.

"Nun primeiro momento a ferida parecía limpa, cun orificio de entrada e outro de saída, e que non tocou óso, polo que contan que, dentro da mala sorte que houbo, os danos non sexan moi importantes", explica Fernando.

Os cans uliscaban aínda, 24 horas despois do suceso, o rastro do xabaril. O animal quedou ferido, o que aumentaba a tensión do momento. "O xabaril foi alcanzado por un dos proxectís, estaba ferido e ninguén se quería achegar a el por medo a que atacase a máis participantes da batida", di Fernando Bouzo.

No rescate participaron tamén a Policía Local de Viana e o Seprona da Garda Civil, que investiga as circunstancias do suceso.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade