Ferido moi grave un ciclista de 70 anos atropelado de madrugada na Peroxa
Ferido moi grave un ciclista de 70 anos atropelado de madrugada na Peroxa
O ciclista, veciño de Pitón, non facía uso do casco de protección nin de pezas reflectoras cando foi atropelado por unha furgoneta na N-540
Un ciclista de 70 anos quedou ferido moi grave ao ser atropelado por unha furgoneta na estrada N-540 ao seu paso polo municipio ourensán da Peroxa.
Segundo informa a Garda Civil, o accidente tivo lugar ás 3:45 horas da madrugada nun tramo recto sen iluminación pública. O ciclista, veciño de Pitón, A Peroxa, non facía uso do casco de protección nin de pezas reflectoras. O condutor do vehículo quedou ileso.
O Equipo de Investigación de Sinistros do Subsector de Tráfico da Garda Civil de Ourense informa de que realiza as correspondentes investigacións para determinar as circunstancias concretas do sinistro.
O 112 Galicia indica que foi o propio condutor implicado no accidente quen contactou co servizo de emerxencias para pedir atención sanitaria porque apreciaba lesións graves no ciclista. Mobilizouse, entre outros, o 061 a lugar do sinistro, na parroquia de San Cibrao de Armental.