Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fernando Alonso, presidente da Fundación Galega contra o narcotráfico: "Hai máis droga ca nunca, máis violencia e menos medios para combatela"

Fernando Alonso, presidente da Fundación Galega contra o narcotráfico: "Hai máis droga ca nunca, máis violencia e menos medios para combatela"

No Día Internacional da Loita contra o narcotráfico, a fundación reclama no Congreso medidas lexislativas e sociais co fin de reverter unha problemática que vai a máis

A organización fala dun contexto de incremento xeneralizado da violencia que afecta directamente o mundo da droga

G24.gal 26/06/2024 11:03

A Fundación Galega contra o Narcotráfico chama á sensibilización social e pide reaccións políticas de urxencia nun contexto no que, segundo define o seu presidente, Fernando Alonso, hai máis droga ca nunca, máis violencia e menos medios para combatela.

Este mércores, Día Internacional da Loita contra o tráfico ilícito de drogas, representantes da fundación reuniranse coas distintas forzas políticas no Congreso para trasladar unha batería de medidas coa fin de reverter esta situación. 

En entrevista na Radio Galega, Fernando Alonso, presidente da Fundación Galega contra o narcotráfico incidiu na necesidade de adoptar medidas máis contundentes porque, expresou, o que se está a facer non abonda. Entre estas actuacións, suxire, intervir na xestión do patrimonio dos narcos e axilizar procesos xudiciais para evitar que estes criminais poidan seguir delinquindo de xeito impune. 

"Estamos vendo como florecen novas organizacións herdeiras das antigas, polo que cómpre adoptar medidas máis contundentes. Pensamos que hai que avanzar moitísimo en xestión dos patrimonios ou evitar que un narcotraficante saia do cárcere baixo fianzas que para eles son 'calderilla'", trasladou.

Máis violencia

Por outra parte, Alonso destacou o labor dos distintos corpos e forzas de seguridade do Estado na loita contra esta problemática, que, incidiu, en moitas ocasións fan un traballo excelente con moi poucos medios. Non obstante, recoñeceu que neste momento estamos asistindo a un incremento exponencial da violencia no mundo da droga, motivado en parte polo asentamento de bandas internacionais de narcos asentadas hoxe en España.

"Hai un incremento exponencial da violencia, favorecido porque está cambiando a cultura do delito, apoiado en prácticas violentas por parte de organizacións, en ocasións de bandas internacionais que se asentan en España e que teñen como modus operandi a violencia, o asasinato e axustes de contas".

Máis consumo

Máis alá da dotación de medios e das medidas lexislativas urxentes, Alonso pediu unha reflexión social e repensar o modelo de ocio que queremos ante o incremento no consumo. 

O presidente da Fundación Galega contra o narcotráfico puxo de relevo os datos extraídos do último estudo EDADES do Plan Nacional sobre drogas. Segundo este informe en Galicia o 1,2 por cento da poboación, é dicir, unhas 20.000 persoas, consumiron coca no último mes, cifras que se multiplican por 2 no caso do cánnabis. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade