Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fernando Clavijo, investido presidente das Canarias

Fernando Clavijo, investido presidente das Canarias

Clavijo recupera o Goberno de Canarias, que xa presidiu entre 2015 e 2019

G24.gal 12/07/2023 13:55

O líder de Coalición Canaria (CC) Fernando Clavijo foi investido presidente das Canarias en primeira votación co apoio de 38 deputados, a maioría absoluta do pleno do Parlamento autonómico, grazas ao pacto alcanzado polos nacionalistas co PP e partidos minoritarios.

A favor votaron os 19 deputados de Coalición Canaria, os 15 do Partido Popular, os 3 de Agrupación Socialista Gomera (ASG) e o único deputado de Agrupación Herreña Independiente (AHI). Votaron en contra 32 deputados: os 23 deputados do PSOE, os cinco de Nova Canarias e os catro de Vox.

Clavijo recupera o Gobierno de Canarias, que xa presidiu entre 2015 e 2019, entón grazas ao apoio do PSOE.

Sucede na presidencia de Canarias ao socialista Ángel Víctor Torres, cuxo partido gañou as eleccións do 28 de maio, pero sen a maioría necesaria para reeditar o pacto progresista.

Na súa última intervención no pleno antes de ser investido, Clavijo sinalou que Canarias ten retos históricos que se deben afrontar desde a unidade e requiriu que sobre cuestións que transcenden unha lexislatura, como a sustentabilidade dos servizos públicos, os desequilibrios insulares ou a pobreza, sexan capaces de poñerse de acordo.

Sobre o seu executivo, que previsiblemente o luns celebrará o seu primeiro Consello de Goberno, dixo que é un goberno de "compañeiros", de homes e mulleres que van traballar para conseguir un futuro emprendedor para Canarias: "E imos discutir entre nós, coa oposición e coa sociedade civil".

Canarias non está condenada a vivir cos seus problemas coma se fosen enfermidades crónicas, dixo Clavijo, quen indicou que se pode cambiar a realidade, como o fixeron os antepasados en peores condicións que as actuais.

Agradeceu aos partidos que apoian o novo Goberno (Coalición Canaria, Partido Popular, Agrupación Socialista Gomera e Agrupación Herreña Independiente) que puxesen por encima das siglas "o interese das Canarias" e asegurou que poñerá o cidadán no centro da xestión.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade