Fernando Simón di que a transmisión da varíola do mono entre humanos é máis alta da esperada
Fernando Simón di que a transmisión da varíola do mono entre humanos é máis alta da esperada
Pide precaución ante a trintena de casos da enfermidade confirmados en España
Cunha trintena de casos de varíola non humana confirmados en España, o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias pide precaución. Fernando Simón recoñece que a transmisión do virus está sendo máis alta da esperada.
"Temos máis casos dos que houbo nunca fóra de África, pero non é o mesmo se todos teñen un mesmo punto de transmisión ou diferentes. Os riscos son diferentes e de momento iso non sabemos. Todo iso estase investigando"
Tras a identificación dunha sauna en Madrid como foco de contaxios, as autoridades sanitarias estudan agora unha festa multitudinaria en Gran Canaria coma a orixe dos casos detectados na illa. Pero é que ademais o primeiro positivo confirmado en Italia e tamén algúns dos identificados en Madrid participaron nesa celebración. Fernando Simón transmite calma.
"É unha enfermidade cunhas características particulares contra a que a vacina da varíola, que se aplicou a unha parte ampla da poboación, protexe, non ao cen por cento, pero protexe"
A Sociedade Española de Viroloxía considera que o illamento dos infectados permitirá controlar os contaxios. Juan García é un dos seus membros.
"Este virus transmítese por contacto, o coronavirus transmítese por medio das vías respiratorias, como a gripe por tanto non existe esa difusión masiva porque é necesario tocarse, ter un contacto íntimo para poder contaxiarse".
En Galicia as autoridades sanitarias agardan que o Instituto de Saúde Carlos III de Madrid analice a mostra remitida este venres.