Ferrol incrementará o límite de velocidade en tres vías de acceso á cidade
Ferrol incrementará o límite de velocidade en tres vías de acceso á cidade
A avenida de Esteiro e as estradas de Catabois e Castela elevarán o límite de 30 a 50
Veciños e comerciantes demandaron a medida, aprobada no pleno en xaneiro de 2022
Polas características das vías e a demanda dos veciños, Ferrol aplicará a excepción do regulamento e permitirá volver circular a 50 na avenida de Esteiro e nas estradas de Castela e Catabois.
"Nestas vías de acceso case non se rexistraron accidentes nin atropelos, a sinistralidade é baixa", explica Francisco Javier Moreno, presidente da asociación de veciños San Pablo-Catabois.
"Cincuenta é unha velocidade adecuada para unha estrada de entrada na cidade, a 30 é case imposible circular aquí", comenta José Antonio Dalama Braña, o secretario da Asociación de Comerciantes e Hostaleiros de Catabois.
A iniciativa de subir o límite de 30 a 50 aprobouse no pleno hai máis dun ano, pero non se levou a cabo ata o de agora. Non hai data fixada para o cambio, pero a estes veciños xa lles tarda. Din que o 30 fai que a xente busque desvíos para evitar multas e atascos, e iso afecta os seus negocios.
"A xente se desvía e evita Catabois, Castela e avenida de Esteiro, e iso reduce a afluencia nos comercios", engade Francisco Javier.
"Dan rodeos para evitar multas se poñen o radar e tamén porque pasar por aquí leva o dobre que por calquera outra estrada próxima que si está a 50", comenta Jose Antonio.
A aplicación da medida está pendente dun informe que o Goberno local encargou á policía, con medidas para garantir a seguridade viaria nestes tres accesos á cidade.